O goberno de Sarria aposta por transformar A Ribela con actuacións máis aló do céspede

O goberno local do Concello de Sarria explicouu as razóns polas que renunciou a unha axuda de 200.000 euros destinada á renovación do céspede do campo de fútbol da Ribela.
A resposta foi clara: o executivo local considera insuficiente ese investimento para as necesidades reais da instalación e aposta por un proxecto máis ambicioso, cun orzamento estimado de 700.000 euros. “Non se trata de cambiar a alfombra, senón de preparar a casa para o futuro”, afirmaron fontes do goberno durante a sesión plenaria, subliñando que a proposta rexeitada apenas contemplaba a substitución do tapete de herba artificial.
O novo proxecto no que xa se está a traballar inclúe un campo de xogo completamente renovado, con dimensións adaptadas ás demandas do corpo técnico do club. Ademais, está prevista a mellora da iluminación e a dotación de equipamento técnico actualizado, que permita acoller competicións en mellores condicións.
Pero a intervención non rematará aí. O Concello de Sarria avanzou a súa intención de acometer actuacións complementarias por fases, que abranguen a reforma dos vestiarios, a mellora das gradas, a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida e a ampliación doutros servizos para deportistas e público.
O goberno local insistiu en que esta estratexia responde a unha visión a longo prazo e que, antes de optar por solucións parciais, é preferible planificar unha mellora integral das infraestruturas deportivas do municipio.