O goberno de Sarria propón unha rúa para Xela Arias
O grupo de goberno do Concello de Sarria elevará á comisión de honras e protocolo a proposta de cambiar o nome da rúa José Antonio polo de Xela Arias, como unha homenaxe máis á poeta recoñecida este ano co Día das Letras Galegas. Segundo explican dende o goberno local sarriano, a rúa José Antonio e a súa contorna están ademais "vinculadas" á infancia da poeta.
A eliminación do rueiro sarriano das rúas José Antonio e Calvo Sotelo aprobárase polo pleno a finais do ano 2016 nunha iniciativa que contou co respaldo de todos os grupos da corporación agás do Partido Popular, que votou en contra. Sen embargo, neste máis de catro anos o cambio non se levou a cabo.
A intención do equipo de goberno é agora constituír a comisión de protocolo no pleno de febreiro, para que logo cada grupo municipal plantexe as súas propostas. Se existisen varias ideas non se desbota organizar unha votación popular a través de medios telemáticos para coñecer a opinión dos veciños e veciñas de Sarria.
A esta homenaxe proposta á figura de Xela Arias súmanse outras que o Concello prepara co obxecto de telas en marcha en maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, como é un mural coa imaxe da poeta.