“O Goberno galego ten pendente con Lugo romper a barreira da Galicia de dúas velocidades”

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
José Ramón Gómez Besteiro, deputado pola provincia, será o candidato á Presidencia da Xunta polo partido socialista nos próximos comicios.
17 Dec 2023

José Ramón Gómez Besteiro, deputado pola provincia, será o candidato á Presidencia da Xunta polo partido socialista nos próximos comicios.

Logrou un apoio no partido moi elevado para ser candidato. Como se acolle esta situación?

A verdade é que si, ademais que o Partido Socialista é o único que fai verdadeiras primarias. Por tanto houbo ese primeiro momento no que todo o mundo podía presentar as súas candidaturas pero ao final a única que avanzou foi a miña, o cal quere dicir que tivo un respaldo do 100% do partido. E isto é importante, que haxa un partido unido en torno a unha candidatura. Pero así desenvólvese o proceso de primarias, outras veces hai máis candidaturas e hai máis votación, pero esta vez a única candidatura que saíu adiante foi a miña e ao final eu creo que é unha cuestión positiva que, despois dese proceso de primarias, pois haxa unha única candidatura que represente a todo o partido e que todo o partido está detrás dela.

O seu regreso á política é recente e xa ocupou cargos de relevancia, como delegado do Goberno e agora como deputado. Como foi esta experiencia?

Foi moi pouco tempo (como delegado) pero foi un tempo moi intenso tamén porque era un momento de fondos europeos, de poñer en marcha o plan de recuperación do Goberno. Foi sumar a unha experiencia que tiña previamente no ámbito local durante oito anos e no ámbito provincial na Deputación. Polo tanto foi retomar outra área da Administración que se suma á que tiña no ámbito local e provincial. Pero durante os 8 anos anteriores que estiven fóra da política pois creo que tamén adquirín unha experiencia importante, como profesional autónomo, que non todos o poden dicir. Dos candidatos que vai haber á Xunta non todos poden dicir que pasaron por unha experiencia pública e privada, eu si a pasei e formoume, eu creo que ademais nese sentido fíxome máis completo. E agora pois esa experiencia que estou vivindo tamén no Congreso dos Deputados, pero xa previa ao que van ser unhas eleccións en Galicia. Eu creo que é unha experiencia moi útil, moi plural e eu creo que iso me fortalece e me enriquece.

Entón quédase coa pública?

Neste momento si, pero quero dicir que os dous candidatos, o do Partido Popular e o do Bloque Nacionalista galego, levan 20 anos metidos no Parlamento por unha razón ou por outra. Rueda leva 14 anos na Xunta, Ana Pontón creo que leva 20 anos no Parlamento e eu estes últimos 20 anos combinei a experiencia pública cos últimos 8 anos como autónomo.

Costou collerlle o ritmo á vida política?

“Estamos xa tocando o cambio, fraguando a idea de que efectivamente Galicia ten que pasar páxina do Partido Popular”

A verdade é que a min a política sempre me apaixonou. Como sempre fixen unha política de proximidade eu creo que iso o aprendín moi ben no mundo local, no Concello, pero practico igualmente esa política de proximidade. De feito cando estiven eses meses de delegado pois eu creo que desde o primeiro momento puxen o pé en terra, pé a estar preto dos cidadáns e ver os proxectos, foi pouco traballo de despacho e moito de proximidade. E na miña vida privada seguín vivindo a política de forma intensa, de forma próxima. Por tanto, eu creo que non foi difícil, porque o fago da forma na que máis me identifico, que é unha política próxima.

Foi designado para xestionar a investidura de Sánchez, despois de ser delegado, significa unha gran proximidade co presidente?

Eu creo que, e non é por falsa humildade, realmente Pedro Sánchez é un home moi próximo a Galicia máis que o feito de que eu estea próximo a Pedro Sánchez, que é verdade, teño unha afinidade e unha proximidade con el. Eu creo que neste caso Pedro Sánchez está máis próximo a Galicia que outra cousa e que vive moi intensamente as cuestións galegas. Téñoo dito moitas veces, en clave de inversións e de apostas por Galicia, foi o Presidente máis galego de todos os que coñezo na democracia, do PSOE e do PP.

Como ve a situación antes do comezo da campaña?

Eu creo que estamos xa tocando o cambio, fraguando a idea de que efectivamente Galicia ten que pasar páxina do Partido Popular e que despois de 14 anos este é un Goberno esgotado, un Goberno que está presidido por unha persoa triste, cun proxecto triste de Galicia. En definitiva, eu creo que a xente quere algo máis, Galicia merece algo máis. Nesa liña o Partido Socialista vai xogar un papel importante, vai dirixir ese cambio que soamente se vai producir se o lidera o Partido Socialista. Ademais, estamos nesa liña, a xente ve ao Partido Socialista como ese partido que pode aglutinar, que pode responder positivamente a ese cambio e que ademais o lidere. Eu son tremendamente optimista, esa é a hipótese coa que traballo porque é a que percibo no día a día.

“Se temos enerxía que producimos e a producimos barata, o lóxico é que veñan para aquí as industrias”

Falando da provincia de Lugo, que necesidades ten para ser abordadas dende o Goberno galego?

O Goberno galego ten unha materia pendente con Galicia, con Lugo en concreto, que é romper esa Galicia de dúas velocidades. É dicir, durante estes 14 anos o que se fixo foi abrir máis esa fenda entre Lugo e Ourense co resto de Galicia. Galicia non funciona á mesma velocidade e en Lugo en concreto todos o sabemos. A cohesión territorial e social brilla pola súa ausencia, como as políticas de envellecemento, os servizos sociais, a sanidade (cada vez máis distanciada dos cidadáns), con residencias modelo granxa que ten en marcha a Xunta de Galicia para as persoas maiores. Pero dende o punto de vista do Goberno galego quedan moitas infraestruturas por rematar, as conexións entre a parte interior de Lugo, e estoume referindo á conexión entre A Fonsagrada e Becerreá, esa parte interior está sen facer; a conexión da Mariña, o VAC da vía norte leva 14 anos sen facerse, non se remata a duplicidade de dobre ancho de autovía entre Lugo e Monforte que a ten que facer a Xunta de Galicia. A desconexións das infraestruturas é total, o desinterese é absoluto, coma en Lugo, onde leva 20 anos sen facerse o Plan Paradai e non se desenvolve a Rolda Leste. En definitiva, en infraestruturas estamos peor que nunca e cun departamento de Infraestruturas da Xunta de Galicia que mira para outro lado, o único que saben facer é poñerlle deberes aos demais, pero non facer os seus. Temos tamén unha aposta definitiva e unha revolución urxente no mundo do agro, no mundo forestal e sobre todo da garantía para todos os gandeiros da estabilidade e do desenvolvemento enerxético, onde Lugo pode ser unha potencia e non o está sendo. En definitiva, Lugo ten que vencer fronte a esa desconexión que ten do resto do arco atlántico de Galicia e por iso esas apostas pola reindustralización que son comúns en Galicia, pero especialmente na provincia de Lugo son necesarias urxentemente.

Ve a Rueda máis débil que Feijóo á hora de loitar pola Xunta?

Eu véxoos débiles aos dous. Eu creo que Feijóo apostou, e ademais a debilidade marcouna el, dixo que ía gañar as eleccións, que ía ser presidente do Goberno e a realidade é testana e os votos son testáns tamén e demostraron que non, que non ía ser o próximo presidente do Goberno. Polo tanto, el mesmo marcou a liña entre ganador e perdedor. Agora é un perdedor. Non hai nada de malo niso, é algo democrático, pero hai que asumilo e el aparece agora coma un perdedor. E eu creo que Rueda vai ser o seguinte perdedor porque efectivamente responde ao que che dicía antes, Rueda non é un descoñecido, aínda que nalgúns sitios de Galicia non o coñecen, por iso agora está involucrado nunha carreira porque o coñezan. Pero logo de 14 anos de estar no Goberno como vicepresidente, como man dereita de Feijóo tamén é responsable destes 14 anos. E estes 14 anos o que representan agora é un proxecto esgotado, que confronta con todo o mundo. Polo tanto eu véxoos como perdedores aos dous, un xa o é e polo tanto non se pode presentar en Galicia como gañador e Rueda porque vai ser o perdedor.

“Temos moito que ofrecer e moito que recibir fóra das nosas fronteiras e desa visión miope que remata en Pedrafita”

Aínda que non hai programa, pode avanzarnos cales serán os principais puntos da programación socialista?

Hai un primeiro que é o eixo da reindustralización, esta é unha decisión dos socialistas tomada de acordo co Goberno do Estado pero tamén co Goberno de Europa. É dicir, hai que volver a reindustrializar os territorios e para Lugo e Galicia iso é fundamental. Somos un territorio enerxético toda Galicia, temos vento, temos auga, en definitiva somos unha potencia de produción de enerxía. E iso vai vinculado a reindustralizar porque o que nós defendemos a diferenza doutros partidos é que a reindustralización ten que ir da man de onde se produce esa enerxía e por tanto se Galicia vai producir moita enerxía e está en predisposición de producila ten que recibir os beneficios da reindustralización. A nós vainos dar igual sempre e cando as industrias volvan outra vez para Galicia, entendemos que ten que haber un prezo unitario da enerxía para todos os españois, queremos romper España co prezo da enerxía? Pero si queremos que as industrias veñan para Galicia porque é xusto que estean onde se produce esa enerxía que consume. Date conta que para unha industria máis do 50 % dos custes son custes enerxéticos. Por tanto se temos enerxía que producimos e a producimos barata, o lóxico é que veñan para aquí as industrias.

En segundo lugar, a cohesión territorial e social, que vai relacionada coas infraestruturas, coas conexións, Galicia está desconectada e a Xunta en transporte público non fixo nada. Estamos agora cunha crise en transporte público e unha desconexión da Galicia interior co resto. Crecemento intelixente é outra das dinámicas que temos que levar adiante, porque o Crecemento intelixente o que produce son máis empregos e mellor remunerados, que é o que queremos. Nós estamos educando a unha gran parte da mocidade e esa mocidade formada ten que saír fóra de Galicia porque non ten oportunidades para ser contratada aquí no que se formou e por iso temos que loitar para ese crecemento intelixente. En Galicia vai haber unha aposta importante por esas novas tecnoloxías, a Axencia de Intelixencia Artificial. En definitiva temos todo o posible para xerar ese traballo pero sobre todo que sexan traballos ben remunerados, que son os que atraen, para que esa xuventude non se vaia.

Hai que dar resposta a unha situación que é letal para Galicia que é o envellecemento da poboación. Con respostas máis modernas, máis eficaces, que vaian máis co sentir da vida das persoas maiores de agora que non das de fai 20 anos. Ese ingreso nesas macrorresidencias que creo que non tratan adecuadamente o fenómeno da vellez tal e como o estamos vivindo agora, senón dunha forma distinta, xerando capacidade de crear postos de traballo e unha economía entorno a ese sector. E finalmente, hai unha aposta pola dixitalización que é o que nos vai unir a todos máis, o que nos vai achegar a todos, máis alá das infraestruturas viarias e ferroviarias. Hai que levar ao 100% do territorio de Galicia esa vía que é a Internet, que é a dixitalización, que nos vai permitir tamén traballar en zonas que ata agora pensabamos que non podiamos traballar e levar o teletraballo a zonas que nos vai permitir recuperar poboación. Estes son os eixos, onde non pode faltar efectivamente a gandaría, a agricultura, o sector primario tan importante en Galicia e como non unha visión de Galicia cara ao mundo, cara ao exterior, unha Galicia aberta. Creo que aí non desvelo nada cando o Partido Socialista se vai distinguir das outras forzas políticas por demostrar un proxecto mirando moitísimo máis cara fóra e sen esa tristura dos partidos políticos en Galicia, do Partido Popular pero tamén do BNG, de mirar cara dentro soamente. Nós temos moito que ofrecer, pero tamén temos moito que recibir de fóra das nosas fronteiras e desa visión moitas veces miope que remata en Pedrafita. Eu creo nunha Galicia máis moderna, máis aberta, máis próspera que é a que vamos enfocar no noso programa electoral.

En caso dunha maioría relativa, podería editarse un pacto co BNG?

Eu creo que si se produce ese cambio é un cambio que vai liderar o Partido Socialista e entorno a iso sumaremos porque unha das virtudes que ten o Partido Socialista é que baixo un goberno progresista si é quen de aglutinar a máis partidos. Eu dicíao a primeira vez que falei no Congreso que rematei a miña intervención que foi para defender o galego, que nós somos capaces de acordar para avanzar, acordar sempre cando sexa para avanzar e prosperar. Aí vai estar o Partido Socialista e eu confío en que ese cambio se vai producir e o vai liderar o Partido Socialista porque si somos capaces de construír un proxecto progresista novo e diferente do que está representando o Partido Popular.

Que lle pode ofrecer o José Ramón Gómez Besteiro a Galicia?

O que pretendo aportarlle a Galicia é que eu e o meu partido supoñan unha aposta de futuro para Galicia, unha aposta de futuro segura, unha aposta de futuro fiable, unha aposta de futuro que sexa conciliadora, que non furgue nas diferenzas, senón no que nos une. E sobre todo ofrecerlle unha aposta de futuro a Galicia sen complexos de ningún tipo, nin nacionalistas nin estatalistas. Esa Galicia sen complexos é a que eu quero e espero aportar para Galicia.

Cre que haberá adianto electoral?

Eu creo que si, eu creo que ademais a situación de agora do Partido Popular é de certo nerviosismo, estase falando de amnistía e de cousas que ao final a moita xente nin lle importa. A maioría da xente, eu non escoito falar diso, cando os problemas reais de como chega a fin de mes, de como está a cesta da compra, de como conseguimos traballo, de se a xente moza se vai ou non se vai, de que expectativas de futuro hai. Ao final a xente fala do que realmente lle interesa, pero eu creo que si que vai haber un adianto electoral porque o PP está nervioso e efectivamente o PP ve que o cambio non é algo que perciba só o PSOE, senón que o ve aí e vai intentar loitar contra iso.

0.18186402320862