O Goberno local de Láncara elabora dúas ordenanzas fiscais para regular a ocupación da vía pública
O Goberno local de Láncara está a elaborar dúas ordenanzas fiscais para establecer un prezo a pagar por ocupar a vía pública e para as actividades de ocio lucrativas, así como para iniciativas deportivas, culturais, recreativas e de ocio.
A elaboración destas normativas será a través da consulta pública aos veciños e veciñas do municipio, que poderán formular propostas e suxerencias ata o vindeiro luns, 15 de xaneiro, a través desde a sede electrónica de Láncara.
A finalidade é ter redactadas estas ordenanzas a finais do mes de xaneiro para poder sometelas a aprobación, ou non, no pleno ordinario do Concello, e despois terán que pasar por unha fase de exposición pública antes de poder entrar en vigor.
Xustificación das ordenanzas
Así, desde o Concello din que a cultura e o deporte xeran riqueza e emprego na sociedade, potenciando a imaxe dun municipio atractivo e con vida, polo que cren que o prezo das actividades deberán cubrir, polo menos, o custo de organizalas, aliviando así tamén a carga que pesa sobre a facenda local.
Ata o momento, todas as actividades de tempo libre que se facían eran gratuítas, incluso a instalación de postos das feiras e festas que se celebran na vía pública de Láncara.
Desde o Goberno local explican que non ten “ánimo recadatorio”, senón que a intención é regular as actividades, xa que ás veces organizábase unha actividade con inscrición gratuíta e logo non acudían a ela, ocupando unha praza para unha actividade sen xente.