O Goberno local de Paradela aproba uns orzamentos de 1.860.000 euros para o ano 2025

SarriaXa
A maior parte da contía destes orzamentos irán dedicados a mellorar vías do municipio, pero tamén a impulsar a economía e a natalidade, así como a cultura e ao ámbito social
Concello-de-Paradela
9 Dec 2024

O Goberno local de Paradela vén de aprobar uns orzamentos de 1.860.000 euros para o vindeiro ano 2025, 70.000 máis que os aprobados para o ano 2024.

Con estes orzamentos, dedicarán 468.800 euros para inversións reais, como 102.738 euros para mellorar vías de estradas, 74.381 euros do plan de mellora de camiños rurais da Xunta e 253.608 euros do Plan Deputación. Ademais, contémplase a elaboración dun plan de xestión e prevención de residuos e implantación dun punto limpo móvil.

Por outra banda, no ámbito cultural, o orzamento recolle unha partida de 25.000 euros para a Feira de San Isidro, unha de 5.000 euros para a comisión de festas de Paradela, outra de 4.000 para a comisión de festas de Castro de Rei e reserva 3.000 euros para o resto das parroquias.

Ademais, no ámbito social, continúan as axudas para impulsar a actividade económica e polo nacemento de fillos no municipio; así como se contempla unha partida de 38.500 euros para as subvencións nominativas a asociacións: á SD Paradela, 7.000 euros; á Asociación de Mulleres, 4.500 euros, á Banda de Música, 4.500 euros; á ANPA do CEIP e ao CEIP en xeral, 2.000 euros a cada un; ao motoclub Os Mouchos, 2.000 euros; e aos Veteranos de Paradela, 1.500 euros; e 1.000 euros á Asociación xuvenil de Castro de Rei de Lemos, de veciños de Vilaragunte e O Carrual.

⚙ Configurar cookies
0.66689085960388