O Goberno local de Samos contesta a varias preguntas da oposición nun pleno curto

SarriaXa
Julio Páramo, promotor do Museo Paixón Motor Slot achegouse a Samos para falar coa alcaldesa da posibilidade de colaborar cunha pequena mostra temporal
Concello-de-Samos
8 Apr 2025

O Concello de Samos celebrou o seu último pleno, no que o PP presentou unha moción para instar ao Goberno local a construír un acceso a un establo na parroquia de Zoó, pero foi rexeitada, xa que, segundo explicou a alcaldesa, Chus López, acaban de enviar a documentación das actuacións a facer durante este ano.

"Estudiarémolo nun futuro, pero a prioridade agora é dar acceso aos pobos do municipio e niso traballamos adheríndonos ao Plan Único, polo que no curto prazo non podemos atender esa demanda, aínda que a temos en conta", explicou.

Tamén levou unha moción o BNG na que mostraba o seu rexeitamento ao proxecto de Altri en Palas de Rei, condenando a actitude da Xunta, favorable a este "modelo que pode afectar directamente ao Camiño de Santiago, fomentando a contaminación, as especies invasoras como o eucalipto...". Tamén, pediron ao Goberno central que non apoie este proxecto e solicitaron trasladar os acordos á Xunta para que esta vexa que o Concello de Samos se mostra en contra.

Logo, os populares fixeron unha serie de preguntas, que foron contestadas sen moita dificultade, xa que insisten no mesmo: o soidade das persoas nas vivendas comunitarias, na que o Goberno local sostivo que non existe tal soidade, que sempre están acompañadas; outra sobre a estabilización do emprego e esta relacionada co SAF, á que a alcaldesa de Samos respondeu que melloraron as condicións das traballadoras, "xa que agora teñen vacacións e págaselles a quilometraxe, pero non podemos subirlle o soldo, xa que a Xunta paga 12 euros a hora e iso non cubre case nada".

Por outra banda, os populares preguntaron polo reloxo da torre de Samos, opinando que foi "unha mala compra", ao que Chus López contestou que a compra é de 2022, cando aínda estaba Julio Gallego. Ademais, demandaron que as parroquias teñan unha partida para festas, pero desde o Goberno local dixeron que o "orzamento municipal é moi axustado".

O MUSEO PAIXÓN MOTOR SLOT, EN SAMOS

Por outro lado, achegouse Julio Páramo, promotor do Museo Paixón Motor Slot para falar coa alcaldesa da posibilidade de colaborar para que unha pequena mostra da súa colección puidera instalarse de maneira temporal nalgún espazo municipal de Samos, aproveitando a peregrinaxe cara ao Camiño de Santiago, e así que puideran coñecer o proxecto antes de chegar a Sarria, onde estará toda a colección de miniaturas de vehículos.

"A miña intención non é que a xente de Sarria teña que desprazarse para ver a exposición; todo estará en Sarria, pero quero que poida haber mostras temporais noutros concellos da comarca para que todos poidan coñecer o proxecto e logo achegarse ao Museo de Sarria, polo que falarei con todas as administracións municipais", destacou Páramo.

⚙ Configurar cookies
0.15268802642822