O Goberno local de Sarria di que se fixeron "todos os esforzos necesarios" con respecto ao servizo do matadoiro
O Grupo Municipal de Camiña Sarria, a través do seu portavoz César No, quere denunciar a actitude irresponsable do Partido Popular, que nos últimos tempos "se dedican a obstaculizar todas as iniciativas do Goberno municipal, opoñéndose sistematicamente a todas as propostas do equipo de goberno”.
Un claro exemplo pode verse na actualización de diversas ordenanzas fiscais necesarias para o bo funcionamento do concello: “O seu voto por sistema sempre é contrario ao do equipo de goberno”.
Ordenanzas clave, explica No, como as da Escola de Música, o cemiterio, a recollida de lixo ou a do Centro Deportivo, entre outras, foron rexeitadas ou bloqueadas polo Partido Popular. "Este comportamento non é compatible coa esixencia dunha boa xestión dos servizos. Os custos increméntanse continuamente ano a ano e moitas destas ordenanzas levan máis de 10 anos sen actualizarse, polo que non cumpren coa súa responsabilidade política”, critica o concelleiro.
En canto á situación do matadoiro municipal, que permanece pechado, dende o Goberno argumentan que se fixeron "todos os esforzos necesarios para buscar unha solución viable".
Necesidade de axuda
É máis, engaden que hai un mes solicitouse formalmente unha reunión coa conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia, "xa que é o único matadoiro municipal da zona e a súa reapertura é importante para moitos sectores, pero non recibimos ningunha resposta”, argumenta No, que conclúe que “os temas importantes precisan resposta e en moitas ocasións dan as costas ao mesmo tempo que tentan mostrar publicamente preocupación”.
Ademais, din que se mantiveron reunións cos profesionais do sector cárnico para informalos sobre a situación económica e técnica do matadoiro, e ofreceron unha solución baseada en que foran eles mesmos, os profesionais do sector, quen asumiran a xestión.
Para iso, o Concello comprometíase a dar facilidades para a posta en marcha do mesmo. Finalmente, decidiron rexeitar a xestión do matadoiro, o que engade un novo obstáculo á súa reapertura.
Dende Camiña Sarria, consideran que “é hora de que o Partido Popular se preocupe menos polas fotos e máis polos intereses xerais dos veciños de Sarria. A súa actitude, marcada polo bloqueo e a falta de responsabilidade política, non é seria nin adecuada para os tempos que corren. No canto de facer campaña electoral permanente, deberían cumprir co seu deber de representar os intereses da cidadanía e deixar de entorpecer o traballo do goberno municipal”.
Contestación da oposición
O PP de Sarria recórdalle a Camiña Sarria que “é o señor Garrido e os seus concelleiros os que están gobernando no noso municipio” e, polo tanto, “deben xestionar o Concello atendendo ás demandas dos sarriáns e procurando o beneficio do municipio en lugar de buscar escusas para non facer nada”.
Ademais, os populares inciden en que “Camiña Sarria está en minoría” e, polo tanto, “teñen que dialogar e buscar apoios entre os demais grupos municipais e non tomar decisións de forma unilateral e agardar que o resto da corporación se entere pola prensa e aprobe as súas propostas”.
A portavoz municipal, Carmen José López, cre que “o que precisa Sarria é un goberno dilixente, que sexa capaz de chegar a acordos do resto de representantes dos veciños e veciñas do noso concello”.
López subliña que “o goberno está facendo oposición ao Partido Popular en lugar de resolver os problemas que preocupan aos veciños e veciñas”. Actualmente, mantén pechado o matadoiro municipal, un servizo que levaba décadas en funcionamento e do que o alcalde se quería desfacer. Xa anunciara a súa intención despois das eleccións e nada máis comezar o mandato e a portavoz insiste en urxir “a posta en marcha do servizo, nunha época no que este servizo é especialmente necesario”.
A voceira popular lembra que “o noso Grupo Municipal está a facer propostas en positivo relacionadas co solo industrial, o mantemento de infraestruturas e espazos públicos e a dotación de servizos” e seguimos esperando a que “o goberno de Camiña Sarria cumpra cos acordos adoptados no Pleno de forma democrática”.