O goberno local de Sarria investiga un "posible uso irregular" das cámaras de vixilancia da residencia de maiores

SarriaXa
O novo responsable da xestión da residencia de maiores Nosa Señora do Carme, o edil Félix Seijas descubriu un "posible uso irregular" das cámaras de vixilancia da residencia durante a etapa na que o concelleiro Benjamín Escontrela era o encargado da xestión do organismo autónomo.
16 Jan 2023

O novo responsable da xestión da residencia de maiores Nosa Señora do Carme, o edil Félix Seijas descubriu un "posible uso irregular" das cámaras de vixilancia da residencia durante a etapa na que o concelleiro Benjamín Escontrela era o encargado da xestión do organismo autónomo.

Seijas explica que "polo menos unha persoa sen a autorización necesaria seguía a acceder ás imaxes en tempo real a través dunha aplicación, non se sabe moi ben con que finalidade".

Por este motivo, ten previsto solicitar un informe á empresa que instalou e que tiña activo o sistema de videovixilancia, "e que sorprendentemente non ten na actualidade ningún vínculo contratual coa residencia", destacou Seijas.

O goberno local non descarta dar traslado á Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) "por se puidese ser constitutivo dalgunha infracción ou delicto".

Seijas considera que "hai moitos interrogantes sobre a utilización que se estaba a facer das cámaras de vixilancia e a ausencia de control sobre ese contido", algo que na súa opinión "podería supoñer unha vulneración flagrante do dereito de privacidade tanto dos usuarios como das traballadoras".

Reunión da Xunta Rectora

Por outra banda, Seijas apuntou que hoxe ás 13.00 horas esrtá convocada unha reunión da Xunta Rectora do organismo autónomo para avaliar as medidas a adoptar en relación coa contratación dun detective por parte de Benjamín Escontrela para investigar a varias traballadoras da residencia, que están convidadas a asistir á reunión.

En relación con este asunto, Seijas precisou que ata a data o concelleiro de Galicia Sempre non aportou ningunha documentación acreditativa da realización dese encargo, mentres que o detective da empresa contratada, InvestigaMás, remitiu ao concello un escrito informando de que a súa obriga era entregarlle ditos informes unicamente á persoa que o contratou ou "mediante requerimento xudicial ou solicitude policial", e que por lei só estaba obrigado a conservar ditos informes durante un prazo de tres anos.

0.158527135849