O Goberno local de Sarria lamenta que non se ofreceran propostas para a elaboración dos orzamentos
O voceiro do Grupo Municipal de Camiña Sarria lamenta que non se ofreceran propostas para a elaboración dos orzamentos por parte da oposición a pesar de que “recibiron os presupostos cun mes de antelación e convocáronse a reunións para falar deles”.
Por este motivo, di, e por responsabilidade, decidiuse levar a única proposta que había sobre a mesa, xa que “son uns presupostos que Sarria necesita”, explica César No, quen insiste en que "estas reunións cos distintos grupos foron pouco produtivas en canto aos orzamentos se refire porque "en ningún momento ningún dos grupos nos pediu tempo ou tentou ser partícipe dos mesmos”.
Ademais, tamén comenta que “houbo incluso algún grupo que cancelou a reunión media hora antes de ser celebrada e non deu unha alternativa para a negociación dos orzamentos, polo que dous non falan si unha das partes non quere”.
Finalmente, o voceiro de Camiña Sarria comenta que se levou a pleno a cuestión de confianza para aprobar os orzamentos e que foi rexeitada por toda a oposición “co obxectivo de que presenten unha alternativa de Goberno ou se poidan aprobar estes presupostos que garanten o progreso da nosa vila".
Así, ábrese agora, de novo, o diálogo para o futuro da vila, xa que César No dixo que “é necesario atopar solucións consensuadas que promovan o ben común”.