O Goberno local de Sarria levará a pleno a petición de devolver o antigo centro de saúde ao INSS
O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, denuncia o estado do edificio e da contorna do antiguo ambulatorio de Sarria, “consecuencia do abandono do Sergas da Xunta de Galicia, que desde setembro de 2011, cando se produciu o traslado e apertura do novo e actual centro de saúde, este non recibiu ningún labor de mantemento nin conservación”.
Desta maneira, incide en que “tanto o edificio como os terreos do mesmo acumulan obxectos, lixo e carece dos labores mínimos de coidado das zonas verdes, que dan unha imaxe lamentable nunha zona céntrica da vila e pola que pasan moitas persoas día a día”, denuncia.
Por todo isto, desde o Goberno local piden o antigo centro de saúde volva a ser propiedade do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) para logo poder ter a opción de compra por parte do Concello; unha cuestión que levarán ao vindeiro pleno por considerar a cuestión de vital importancia “e pola nula xestión da Xunta en 13 anos”, destacan.
Abandono do Muíño do Toleiro
Por outra banda, desde Camiña Sarria tamén denuncian o abandono do Muíño do Toleiro, adquirido pola Xunta de Galicia en outubro de 2006 e que “tivo que ser declarado en estado de ruína e, polo tanto, esixida a súa inmediata e urxente restauración, o que se está a facer 17 anos despois e só a restauración exterior”, critica Garrido.
Con todo, o alcalde sarriao sostén que son dous edificios “emblemáticos para Sarria, propiedade e xestionados pola Xunta, convertidas nunha das peores imaxes da vila”.