O Goberno local de Sarria móstrase satisfeito por "dar resposta" ás necesidades de conciliación da veciñanza

SarriaXa
Desta maneira, presentan un novo campamento chamado 'Camiños de cultura' para nenos e nenas de 4, 5, 6 e 7 anos
Sarria-portada-principal
21 Xuño 2024

Despois de que diversas familias de Sarria queixáranse de non ter praza no servizo de conciliación presentado polo Goberno local de Sarria para este verán, desde o Concello de Sarria conseguiuse dar resposta ás súas necesidades de conciliación da vida familiar e laboral.

Ante a alta demanda de solicitudes recibidas (262 en total), no proceso de adxudicación de prazas houbo que ter en conta, entre outros, o nivel de renda e as cargas familiares das persoas solicitantes, criterio de obrigado cumprimento para os servizos postos en marcha con cargo aos fondos do Plan Corresponsables, como é este caso do Programa Sarria Concilia.

Desta maneira, presentan un novo campamento chamado 'Camiños de cultura' para nenos e nenas de 4, 5, 6 e 7 anos, que se desenvolverá entre en tres quincenas: do 1 ao 12 de xullo, do 15 ao 31 de xullo e do 1 ao 14 de agosto, en horario de 09.30 a 14.00 horas.

Desde a Concellería de Igualdade manifestan a súa satisfacción por sumar esforzos entre diferentes áreas da entidade local nesta materia, xa que “a conciliación é un problema de primeira orde para as familias, sendo moi difícil compaxinar o ámbito laboral co persoal e familiar. Isto pon de manifesto, unha vez máis, a necesidade de que desde as administracións públicas nos impliquemos e sumemos esforzos para crear actividades que aseguren a conciliación do traballo e a vida persoal de homes e mulleres”, destacaron. Así, desde o Concello poranse en contacto nos próximos días coas familias para resolver dúbidas e informar de ditas actividades.

O programa Sarria Concilia, dentro do cal se enmarca a Ludoteca de verán ‘Desde Sarria cara ao mundo, está financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade, da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, a través do Plan Corresponsables. Unha nova política pública posta en marcha polo Ministerio de Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.

O seu obxectivo é subvencionar actuacións orientadas a facilitar a conciliación das familias con menores a cargo e, con carácter prioritario, á atención de familias monomarentais e monoparentais, víctimas de violencia de xénero e doutras formas de violencia contra a muller, ou unidades familiares nas que existan outras cargas relacionadas con coidados.

0.18251991271973