O Goberno local de Sarria pide á Xunta a modificación do trazado do proxecto da Liña de Alta Tensión
O Goberno local de Sarria vén de remitir á Xunta de Galicia un escrito de alegacións contra o proxecto de Liña de Alta Tensión (LAT) 220 kV SET PE Chao do Marco – SE Belesar (REE) e SEC Soilán no que solicita a modificación do trazado proxectado para alonxalo de oito núcleos de poboación ao seu paso polo termo municipal de Sarria.
O proxecto de LAT, presentado por Enel Green Power España, supón un investimento de 23,06 millóns de euros e afecta aos concellos de Sarria, Becerreá, Baralla, Láncara, Paradela, O Saviñao e Chantada e a instalación desta liña ten como finalidade a evacuación conxunta da electricidade xerada nos parques eólicos Chao do Marco, Serra do Furco, Serra do Colmo, Serra de Piñeira e A Pena.
Coa finalidade de “menguar as comprensibles preocupacións da veciñanza”, ademais de que saíu aprobada unha moción no último pleno no que todos os partidos políticos pediron ao Goberno actual que actuara, o alcalde propón tres modificacións do trazado, que serían “facilmente asumibles” porque “non suporían un impacto significativo aos efectos da execución do proxecto”.
Así, a primeira consistiría nun lixeiro desvío da liña para rodear o núcleo de Fonteabuín; a segunda alonxaría o tendido dos núcleos de Betote de Abaixo, Betote de Arriba e Treilán, evitando ademais ter que cruzar a estrada autonómica LU-546 dúas veces; e a terceira consistiría en alonxar a liña e alta tensión dos núcleos de Arxemil, A Vilerma, Rosende e As Nogueiras. Neste caso, ademais, a alternativa proposta evitaría que a rede pase por enriba dunha propiedade residencial.