O Goberno local de Sarria propón unha iniciativa para instalar placas fotovoltaicas

SarriaXa
Ademais, Camiña Sarria leva a pleno unha moción que insta a que todos os días estea operativo o parque de bombeiros
colexio-Frei-Luís-de-Granada-Sarria
6 Nov 2024

O Goberno local de Sarria proporá como moción no pleno da corporación municipal unha iniciativa para instalar placas fotovoltaicas en sete edificios de Sarria e da parroquia de Oural, co que terá que aprobarse primeiro a concesión administrativa de uso das cubertas dos inmobles onde se queren instalar ditas placas.

Desta maneira, a localización das placas será no pavillón Novo e no de Oural, no matadoiro, na piscina climatizada, no estadio da Ribela, no colexio Frei Luis de Granada e na nave do campo da feira, que ademais será obxecto de reformas ao ser cambiada a súa cuberta.

Ademais, Camiña Sarria leva a pleno unha moción que insta a que todos os días estea operativo o parque de bombeiros e que se hai algún día que teña que pechar, que se informe dos motivos e que se comuniquen os cambios. Con todo, din que os servizos de emerxencias deben ser suficientes para garantir a seguridade dos veciños.

Finalmente, desde o partido que goberna tamén levan dúas modificacións de crédito: unha de 47.000 euros para poder adquirir un tractor e un remolque co fin de acometer traballos necesarios no municipio; e outra de 103.000 euros para xestionar a herdanza de Manuel Sobrado, para reparar a caldeira avariada do matadoiro e para material e o pago dos tribunais dos procesos selectivos realizados no proceso de estabilización de emprego do Concello de Sarria.

0.17628812789917