O Goberno local de Sarria reabrirá o matadoiro "como unha solución intermedia e transitoria"

SarriaXa
Desde Camiña Sarria argumentan que "é necesario" un cambio de xestión para garantir "a viabilidade do servizo do matadoiro a longo prazo"
Matadoiro-municipal-de-Sarria
17 Nov 2024

Camiña Sarria anuncia que reabrirá o matadoiro municipal como unha "solución intermedia e transitoria mentres traballamos na posta en marcha dun novo modelo de xestión, baseado na concesión a unha entidade privada que asegure o funcionamento eficiente e sostible do matadoiro".

Desta maneira, explican que "a intención é garantir a reapertura do matadoiro municipal coa máxima responsabilidade, atendendo ás necesidades da veciñanza, especialmente nunha época do ano onde as matanzas tradicionais teñen unha importancia significativa, pero facémolo cun obxectivo claro: avanzar cara un modelo de xestión máis sostible e acorde coa realidade económica do noso municipio".

Así, sosteñen a súa posición firme de "matadoiro SI, xestión pública NON", porque consideran que "non é viable que o Concello de Sarria asuma a xestión directa dun servizo comercial como este". Por iso, lembran que se reuniron cos carniceiros para ofrecerlles que eles asumiran a xestión do matadoiro. "A pesar de que esta vía non foi aceptada, non renunciamos ao noso obxectivo e comezamos a traballar nas bases para unha concesión, as cales serán levadas ao pleno na menor brevidade posible", indican

Ademais, defenden que "nunca tivemos a intención de pechar o matadoiro, como o demostra o feito de que no último pleno aprobamos unha modificación de crédito para levar a cabo as reparacións necesarias nas instalacións". Pero argumentan que hai que "adaptalo ás necesidades actuais e garantizar a súa viabilidade a longo prazo".

Con todo, indican que "se a nosa proposta non é aprobada polo pleno, a única alternativa será establecer novas taxas que cubran o 100% dos custos do servizo, tal e como indican os informes técnico-xurídicos. Esta opción suporía un custo moito máis elevado para os usuarios, algo que queremos evitar coa concesión".

0.12865805625916