O Goberno provincial tamén demanda ao Concello de Sarria a reapertura do matadoiro municipal

SarriaXa
O obxectivo é instar tanto ao Concello de Sarria como á Xunta de Galicia a colaborar para restablecer a súa actividade, “vital para o sector agrogandeiro"
matadoiro-Sarria
19 Nov 2024

O Goberno da Deputación de Lugo levará ao Pleno do 26 de novembro unha proposta para demandar medidas inmediatas que permitan a reapertura do matadoiro municipal de Sarria.

O obxectivo é instar tanto ao Concello de Sarria como á Xunta de Galicia a colaborar para restablecer a súa actividade, “vital para o sector agrogandeiro, as empresas cárnicas e o conxunto da economía local”.

En concreto, instaráselle ao Concello de Sarria a que actúe con máxima dilixencia e axilidade para presentar o antes posible un proxecto económico sólido e viable á Xunta de Galicia, garantindo unha solución definitiva e eficaz para a reapertura do matadoiro.

Nese sentido, tamén se lle pedirá á Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia a cumprir co seu compromiso de subvencionar unha parte substancial do investimento necesario para a reactivación do matadoiro de Sarria, estimado en 280.000 euros, do mesmo xeito que se comprometeu a facer co de Mondoñedo.

“A Conselleira de Medio Rural afirmou que a Xunta está disposta a colaborar na reactivación tanto do matadoiro de Sarria como do de Mondoñedo, pero condicionou o apoio ao feito de que os concellos presenten proxectos económicos sólidos e viables. Neste contexto, a Deputación de Lugo considera ineludible actuar con determinación e promover a implicación activa das administracións responsables”.

A pesar de que o Concello de Sarria informara inicialmente de que o problema sería resolto tan pronto como se recibisen os recambios necesarios para a reparación, “a realidade actual é ben distinta”, indican dende o Goberno provincial, ao tempo que recalcan que “o propio Alcalde anunciou recentemente que o Concello non pode facerse cargo do matadoiro municipal, propoñendo un cambio drástico no seu modelo de xestión. Esta inacción está a suscitar o malestar no sector agrogandeiro e no conxunto da sociedade, que demanda solucións urxentes para a recuperación desta infraestrutura”.

Dende o Executivo provincial afirman que a indignación pola situación levou o pasado 14 de novembro a unha mobilización en Sarria, na que participaron unhas 400 persoas, entre gandeiros, carniceiros, consumidores e representantes de todas as forzas políticas. “A protesta puxo de manifesto a importancia do matadoiro e a urxencia de retomar a súa actividade”, afirman.

O matadoiro, pechado desde o pasado 26 de agosto debido a unha avaría na caldeira de auga quente e vapor, “leva meses sen operar, provocando un impacto significativo nunha zona cunha elevada concentración de granxas de porcino, salas de despece e talleres cárnicos”.

Dende o Goberno da Deputación indican que “a continuidade desta situación está a xerar un deterioro progresivo na cadea de valor agroalimentaria da zona, obrigando as empresas a recorrer a matadoiros máis afastados, co conseguinte aumento de custos e prexuízo para os produtores, transformadores e consumidores finais”.

Para a Deputación de Lugo, o matadoiro de Sarria é unha "peza clave na dinamización económica deste Concello, que depende en gran medida do sector primario e das industrias derivadas. O seu peche prolongado non só afecta ás granxas locais de porcino, senón tamén ás salas de despece e pequenos talleres cárnicos, que ven comprometida a súa competitividade fronte a outras rexións. Ademais, este contexto dificulta o acceso a produtos cárnicos de proximidade, encarecendo o prezo final para os consumidores”, conclúen.

0.17423892021179