O grupo de Kung Fu da Anpa do CPI Ramón Piñeiro organizou unha xornada de primeiros auxilios

SarriaXa
"Os talleres de primeiros auxilios deberan de recibir máis importancia da que reciben", sosteñen
primeiros-auxilios-Kung-Fu-Láncara
13 Xuño 2024

O grupo de Kung Fu da Anpa do CPI Ramón Piñeiro organizou unha xornada destinada á aprendizaxe e familiarización de conceptos básicos de técnicas de primeiros auxilios para as nenas e nenos da actividade Kung Fu, coa participación activa e conxunta das súas nais e pais.

O obradoiro abordou aspectos fundamentais como a conduta PAS (Protexer Alertar Socorrer), as manobras do ABC en primeiros auxilios, como a manobra fronte-queixo para a apertura das vías aéreas, actuación en caso de avulsión de peza dental durante práctica de actividade físico-deportiva, atención a persoas con perda da consciencia por diferentes causas, a manobra de Heimlich para o caso de obstrución da vía aérea por corpo estraño, principais posicións de seguridade e espera segundo cada caso e, finalmente, prácticas de reanimación cardiopulmonar básica.

Mediante os exercicios prácticos por equipos, a rapazada e as familias puideron interiorizar que, por veces, a distancia entre a vida e a morte é do grosor dun papel de arroz e que poder valorar e actuar axeitadamente nunha situación de emerxencia pode decidir o destino dunha persoa.

"Os talleres de primeiros auxilios deberan de recibir máis importancia da que reciben e realizarse con máis frecuencia e en máis ámbitos, colexios, institutos, asociacións culturais... do que se realizan", sosteñen desde o grupo.

Ademais, engaden que no eido do Kung Fu, a arte marcial aspira a afondar no estudo do corpo humano, do seu movemento para a defensa persoal, onde a praxe marcial non é unha violencia senón unha acción de amor pola vida e de protección da mesma. 2E por iso, os primeiros auxilios gardan un especial nexo ca natureza propia das artes marciais", conclúen.

0.17676091194153