O grupo Kung Fu Láncara destaca no II Campionato Interautonómico

O grupo de Kung Fu Láncara acadou o primeiro posto en varias categorías durante o II Campionato Interautonómico de Kung Fu celebrado en San Cibrao (Cervo), nun evento organizado polo Departamento Galego de Kung Fu da Real Federación Española de Karate e Disciplinas Asociadas.
A competición reuniu artistas marciais de todas as idades procedentes de escolas de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e León, destacando especialmente o nivel técnico e expresivo dos participantes veteranos na modalidade de Kung Fu Tai Ji Quan.
Entre os resultados máis destacados da xornada estivo o excelente papel dos deportistas sénior Cristian Vázquez Seijas e Nicolás Besada Armas, que lograron o primeiro posto tanto en taolú armas individual como en taolú armas por parellas. A súa actuación non só consolidou o palmarés do grupo lucense, senón que tamén evidenciou a madurez, o dominio técnico e a paixón que os deportistas adultos poden achegar a esta arte marcial.
A súa entrega e disciplina serven como exemplo para as categorías máis novas, que tamén obtiveron excelentes resultados: Andrea López Muñoz e Marina Fernández López, en categoría infantil, e Xiana Bande Pardo, na categoría alevín, foron as primeiras clasificadas nas modalidades correspondentes.
Porén, para o mestre José M. Nunes, máis aló das medallas, o máis valioso foi a convivencia co resto de artistas marciais, o intercambio de experiencias e o espírito de colaboración que se viviu durante o evento. Subliñou tamén o compromiso do alumnado, que nos meses previos ao torneo adestrou por iniciativa propia fóra das clases, fortalecendo así o vínculo persoal cunha disciplina que, segundo el, non é só un deporte, senón unha filosofía de vida rica, diversa e profunda.