O grupo lugués Improdutivas actuará en Sarria cun espectáculo de improvisación teatral

O Grupo Amador de Improvisación Teatral Lugués Improdutivas ofrecerá unha sesión de teatro improvisado en Sarria o vindeiro sábado 19 de xullo, nunha iniciativa promovida en colaboración coa Asociación Cultural e Deportiva O Buril.
A representación dará comezo ás 22.00 horas, aínda que o público poderá acceder ao recinto a partir das 21.30 horas de maneira totalmente gratuíta.
A proposta combinará humor, espontaneidade e moita interacción co público, nun formato teatral sen guión no que a creatividade e a falta de vergoña serán os ingredientes principais para garantir unha velada divertida e entretida.
A actividade está pensada para todos os públicos e busca achegar o teatro de improvisación á veciñanza de Sarria como unha alternativa cultural diferente para as noites de verán.