O grupo municipal socialista podería emprender accións legais contra o Goberno local de Sarria
O concelleiro socialista, Diego López, anunciou durante o último pleno, que o seu grupo municipal se reserva emprender accións legais despois de non ser admitida por decreto a súa alegación contra os orzamentos municipais de 2024, xa que entende que debería ser o pleno quen debeu de resolver o asunto. A contestación do alcalde de Sarria, Claudio Garrido, foi a de que acudirá ao xulgado se cre que houbo algunha irregularidade.
Ademais, durante o pleno tamén se falou da sentenza pola cal se desestimou o recurso de Benjamín Escontrela ao non deixarlle participar nunha votación de 2023 e acusouse ao alcalde de “vulnerar os dereitos dos edís do Partido Popular ao convocar un pleno con 5 horas de antelación”, xa que tamén saíu unha sentenza condenando a Garrido por esa convocatoria de pleno ao considerar que non existía urxencia algunha que xustificar a convocatoria extraordinaria de pleno, así como conclúe que se vulnerou o dereito a participar nos asuntos políticos da corporación municipal.
Por outra banda, no pleno o Goberno de Camiña Sarria propuxo unha modificación da ordenanza pola expedición de documentos administrativos, que foi rexeitada polo PP, o PSOE e o BNG, así como tampouco saíu adiante a moción do PP na que pedía que o Concello aporte fondos para as festas das parroquias, o que Camiña Sarria considera “inasumible”, xa que hai 52 parroquias.
Finalmente, o punto central do pleno protagonizouno o veciño Manuel Sobrado Pérez, que hai dous anos faleceu e deixou como herdeiro universal ao Concello de Sarria. O patrimonio que xa será parte das arcas municipais foi aceptada por unanimidade co voto a favor de todos os partidos políticos e consta de pisos en Madrid, na Coruña, en Sarria e en París, así como leiras en Sarria, lugar onde naceu. En total, a herdanza podería roldar os 2 millóns de euros.
Desta maneira, o sarriao, impuxo soamente a condición de que a súa herdanza fora destinada a atender a vítimas de violencia machista, persoas maiores, para axudas á beneficencia e para o desenvolvemento social da vila sarriá.