O humor feminista percorrerá a provincia dentro da programación da Deputación

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Haberá monólogos a cargo de Arantxa Treus e Jazmín Abuín que percorrerán concellos de Vilalba, Foz, Taboada e Sarria, e Lugo acollerá unhas xornadas sobre igualdade
monologos-feministas-deputacion
9 Apr 2026

A Deputación lanza este domingo unha programación feminista que percorrerá a provincia nos meses de abril e maio. Así o anunciaron este xoves a presidenta da Deputación, Carmela López, e a deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, nunha rolda de prensa que tivo lugar no Pazo de San Marcos. Trátase de dúas iniciativas dirixidas aos concellos e á comunidade educativa para “informar, conectar coa cidadanía, facer pensar e contribuír a desmontar prexuízos”.

Destacou a mandataria provincial que son diferentes accións gratuítas para a cidadanía que xorden como resposta ante o aumento recente das actitudes e discursos machistas, algo que “nos obriga, como institución pública, a actuar con responsabilidade”. Aclarou que “o feminismo é, simplemente, a defensa da igualdade real entre mulleres e homes. Aínda así, continúa sendo malinterpretado e cuestionado en determinados espazos” e nese sentido enmarcou a acción provincial.

Carmela López avanzou que as dúas iniciativas serán, por unha banda, unha serie de monólogos “que levarán o feminismo aos concellos a través do humor, cun formato próximo e accesible que permite abordar cuestións complexas desde una perspectiva diferente”; e por outra, “unha xornada de igualdade que reunirá a profesionais de referencia para analizar os retos actuais desde distintos ámbitos do coñecemento”.

“O machismo segue sendo unha problemática estrutural que se manifesta en múltiples ámbitos da nosa sociedade. Falamos de desigualdade laboral, violencia de xénero, de brecha salarial, de cosificación das mulleres ou de estereotipos que continúan condicionando as oportunidades e as vidas das persoas”, denunciou Marisol Morandeira. Nese sentido puxo en valor as accións da Deputación, que parten da idea de que “o humor tamén é unha ferramenta de transformación social”: “A través dunha linguaxe próxima, do humor crítico e das experiencias persoais, estes espectáculos permiten transmitir mensaxes complexas dun xeito accesible, favorecendo a reflexión e o pensamento crítico”.

Risas con perspectiva feminista

Baixo o título Risas con perspectiva feminista, as referentes do humor galego Arantxa Treus e Jazmin Abuín conducirán diferentes espectáculos cun ton crítico e irreverente pola provincia. Espectáculos que serán de balde e que comezarán este domingo a percorrer os concellos de Vilalba, Foz, Taboada e Sarria ata o 24 de maio.

A primeira parada destes monólogos será o domingo, ás 19:00 horas, no Auditorio Municipal Carmen Estévez de Vilalba. O dúo cómico Sobria e Serena inicia o periplo pola provincia de Lugo poñendo o feminismo ao alcance de todas e todos cun humor comprometido. Foz, o venres 15 de maio; Taboada; o domingo 16 de maio; e Sarria o domingo 24 de maio; son as seguintes datas previstas.

III Xornadas Feministas=Igualdade

A segunda acción será a terceira edición das Xornadas Feministas=Igualdade, que se celebrarán o vindeiro venres, 17 de abril, en horario de mañá. Unha xornada que tamén será gratuíta e que estará dirixida aos centros educativos. A cita comezará ás 9:00 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos e para asistir haberá que inscribirse a través do correo electrónico: protocolo@deputacionlugo.org.

Durante toda a mañá, relatoras de referencia combinarán coñecemento, reflexión e emoción. Entre as participantes Eulalia Pérez Señedo, profesora de investigación no CSIC e referente en ciencia, tecnoloxía e xénero, abordará os estereotipos e as falsas crenzas científicas sobre as mulleres. Laura Redondo, doutora en psicoloxía e profesora universitaria, analizará os mitos da igualdade. Celia de Marcos, doutora en Comunicación, tratará o impacto da intelixencia artificial no futuro da igualdade. E Cristina Pérez Carmuega e Seila Couso-Pérez, investigadoras no ámbito educativo e científico, falarán da invisibilización histórica das mulleres a través do coñecido efecto Matilda. A xornada pecharase cun monólogo da cómica Esther Gimeno, que permitirá conectar co público desde unha perspectiva máis próxima e participativa. O evento estará conducido pola actriz e presentadora lucense Beatriz Serén.

0.13248896598816