O I Máster de Pesca a Mosca por Parellas contou con 24 participantes de Galicia, León e Portugal

O coto de Láncara foi escenario esta fin de semana do I Máster de Pesca a Mosca por Parellas no río Neira, unha cita organizada polo clube que xestiona este tramo e que reuniu a 24 competidores procedentes de Lugo, A Coruña, Ourense, León e Portugal.
A pesar das condicións meteorolóxicas adversas, que limitaron a actividade das troitas e impediron que o río mostrase a súa mellor cara, o encontro destacou polo bo ambiente e a acollida por parte dos participantes, algo que os organizadores valoraron como o máis importante.
No apartado competitivo, o primeiro posto foi para a parella formada por Tomás Pardo e Ali Pérez Trebolle, seguidos polos portugueses Rui Pereira e Tiago Castro, que se fixeron co segundo lugar. O terceiro caeu en mans de Óscar Curiel e Yago Romero. O trofeo á peza maior foi para Rui Pereira e Alberto Bóveda, mentres que o maior número de capturas correspondeu a Rui Pereira e Tiago.
O evento contou coa colaboración de diversas entidades e negocios locais, que fixeron posible que cada participante regresase á casa cun agasallo de material de pesca e que se puidesen repartir premios destacados.