O I Open do Camiño Vila de Sarria xuntará máis de 250 profesionais do taekwondo

SarriaXa
O evento desenvolverase este sábado, 9 de novembro, no pavillón municipal Novo da rúa Castelao en horario de mañá
presentación-Open-Taekwondo-Vila-de-Sarria
5 Nov 2024

O I Open do Camiño Vila de Sarria foi presentado pola entidade organizadora, a Escola de Taekwondo de Sarria, xunto co Concello de Sarria, que se desenvolverá o vindeiro sábado, 9 de novembro, no pavillón municipal Novo da rúa Castelao.

O horario da competición será de 9.30 a 14.30 horas, cun parón de 11.30 a 12.00 horas no que deportistas de elite que están clasificados para o campionato do mundo de Hong Kong, entre os que se atopa o organizador e adestrador Álex Losada, farán unha demostración das diferentes variedades que hai no taekwondo. Estes profesionais son campións de Europa ou medallistas europeos que amosarán ao público a calidade deste deporte. Ademais, vaise facer un acto de recoñecemento para os deportistas que van ir ao Mundial.

Álex Losada informa de que se van xuntar máis de 250 deportistas nesta primeira edición dun total de 14 clubs de toda Galicia e de Asturias. "Estamos moi contentos porque é a primeira edición e imos intentar que medre e que se repita no tempo", sostén Losada.

Desde a AC Taekwondo agradecen a colaboración do Concello de Sarria para celebrar este evento, xa que "mostraron o seu compromiso para axudar nesta edición e nas que veñan", explica o adestrador. E tamén á Federación Galega de Taekwondo, representada por Juan Carlos Eiriz, quen dixo estar "moi contento por achegar o taekwondo a unha vila como a de Sarria".

Falouse tamén de posibilidades de manter este evento ao longo do tempo e de incluso facelo rankeable, é dicir, puntuable, para entrar na Selección Galega, pero é un proxecto a futuro. "Estamos moi ilusionados e temos moitas ganas deste sábado", concluíu Álex.

0.17177796363831