O I Open do Camiño Vila de Sarria xuntou máis de 500 persoas entre deportistas e público

SarriaXa
Sarria converteuse no escenario do taekwondo, e tal como di o promotor da iniciativa, Álex Losada, foi “a festa do taekwondo galego”
Open-do-Camiño-vila-de-Sarria-taekwondo
11 Nov 2024

O I Open do Camiño Vila de Sarria acolleu máis de 500 persoas entre deportistas e público, que conseguiron encher o pavillón novo de Sarria nunha xornada de sábado moi especial.

Así, coa participación de máis de 250 deportistas nesta primeira edición, Sarria converteuse no escenario do taekwondo, e tal como di o promotor da iniciativa Álex Losada, foi “a festa do taekwondo galego”.

O adestrador e profesional do deporte quixo agradecer á toda a xente involucrada, sobre todo aos pais e nais dos nenos participantes e persoas ligadas á Escola de Taekwondo Sarria, así como a voluntarios e toda a veciñanza “que se implicou para que este evento saíra adiante”, sostén, así como tamén agradeceu a implicación e axuda do Concello de Sarria e da Federación Galega de Taekwondo.

“Estamos moi satisfeitos con esta primeira edición, xa que tivemos participantes de todas partes de Galicia e incluso houbo un club de Asturias”. E Losada quixo destacar o seu agradecemento ao Club Couto de Ourense e ao Club Hebe de Taewwondo de Moaña.

Para o promotor da iniciativa, isto foi “a primeira pedra no camiño para conseguir facer cultura do taekwondo, que haxa futuro deste deporte en Sarria”, sostén, e comenta que xa están pensando na seguinte edición.

Con todo, tamén quixo destacar que a AC Taekwondo conseguiu 16 medallas de ouro, 18 de prata e 31 de bronce, o que fai ver que a escola vai por “bo camiño”. Ademais, a nivel de equipos conseguiron 3 trofeos: un en categoría masculina, un en parellas e tríos e quedaron en segunda posición na fase xeral do campionato. “Estes logros quedan en Sarria e fannos moita ilusión”, comenta.

Finalmente, quixo remarcar que, ademais do deporte, durante a exhibición e recoñecemento que se fixo ás 11.30 horas dos 23 profesionais do taekwondo recoñecidos a nivel internacional que van participar no mundial de Hong Kong, fíxose un minuto de silencio na honra das vítimas da DINA de Valencia, rematando cun gran aplauso sonoro.

⚙ Configurar cookies
0.76193904876709