O IES Gregorio Fernández analiza a violencia de xénero nunha charla impartida por maxistrados galegos

SarriaXa
Un encontro no centro repasou a evolución histórica, legal e social desta lacra e desmontou os bulos que circulan nas redes sobre a normativa vixente
charla-violencia-de-xénero-IES-Gregorio-Fernández-Sarria
14 Nov 2025

O IES Gregorio Fernández de Sarria acolleu unha completa sesión divulgativa sobre violencia de xénero na que participaron os maxistrados e maxistradas Sandra Piñeiro Vilas, presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, Dalila Dopazo Blanco, xuíza do Xulgado do Social número 3 de Lugo, e Luís Villares Naveira, membro da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Os tres especialistas ofreceron unha reflexión ampla sobre a dimensión histórica, xurídica e social desta problemática, ao tempo que analizaron os falsos relatos que se espallan nos últimos anos arredor das leis baseadas na discriminación positiva destinada a protexer ás mulleres.

Durante a charla, fixouse especial atención no mito, moi repetido nas redes sociais, de que a normativa actual prexudica aos homes ou permite supostos abusos femininos no marco penal da violencia de xénero. Os maxistrados lembraron que os avances nesta materia foron extremadamente lentos ao longo da historia e que o peso do patriarcado e os estereotipos sexistas continúa influíndo de maneira profunda na sociedade. Subliñaron ademais que a violencia exercida contra as mulleres é a expresión máis extrema desa desigualdade, arrastrada durante séculos.

Os ponentes repasaron, así mesmo, a evolución legal desde os códigos xurídicos elaborados no territorio galego en época romana ata a contemporaneidade, un percorrido marcado pola exclusión das mulleres da vida pública e privada baixo a tutela obrigatoria de pais ou maridos. Evocaron tamén unha das disposicións históricas máis duras, o chamado “uxoricidio por causa de honor”, vixente en Galicia desde a romanización ata a Segunda República e recuperado durante a ditadura franquista ata 1963, que permitía que un home que matase a súa esposa por adulterio non fose castigado con cárcere ao considerarse unha defensa da súa honra.

Os maxistrados lembraron igualmente a definición que a ONU establece sobre violencia de xénero, asociándoa á desigualdade estrutural, ao abuso de poder e ás normas discriminatorias que sitúan ás mulleres e ás nenas nun risco permanente. Indicaron que esta realidade continúa xerando vítimas mortais e que, malia os avances, segue sendo unha das consecuencias máis graves do sexismo persistente. Sinalaron tamén que a primeira Lei Integral contra a Violencia de Xénero no Estado español foi aprobada en 2004, á que seguiu a normativa galega de 2007 para a prevención e o tratamento integral destes casos.

TRABALLO NO CENTRO

O centro deu a coñecer os resultados das enquisas realizadas polo alumnado da ESPA entre 2022 e 2025, que evidencian un amplo descoñecemento da diferenza entre “xénero” e “sexo” e das múltiples manifestacións que pode adoptar o maltrato, máis aló da agresión física. Segundo estes datos, só o 25% dos homes e o 30% das mulleres da contorna de Sarria amosan un coñecemento aproximado do concepto de violencia de xénero, sendo a franxa de 18 a 35 anos a máis informada.

Ao remate da sesión, os tres maxistrados inauguraron no propio instituto a chamada “escaleira da igualdade”, un espazo simbólico no que se inscribiron lemas seleccionados pola comunidade educativa que apelan ao feminismo, á igualdade real e ao empoderamento das mulleres. As frases escollidas reivindican unha sociedade máis xusta, a necesidade de traballar conxuntamente pola igualdade e o rexeitamento de calquera forma de discriminación.

Esta iniciativa, xunto co concurso de carteis do 25N, forma parte das actividades incluídas no Plan Proxecta+ “Donas de si” 2025/26, impulsado pola Consellería de Política Social e Igualdade e coordinado pola profesora Isabel Rodríguez Mate, xefa de Estudos de Adultos. A directora do centro, Ana Valín, encargouse de presentar o acto, no que tamén interviñeron a responsable de Dinamización da Lingua Galega, Elena Corujo, e a concelleira sarriá Mª Eugenia Valcárcel López.

⚙ Configurar cookies
0.066188812255859