O IES Gregorio Fernández inaugura unha escaleira educativa e paneis de igualdade da man de Mercedes Vázquez

O IES Gregorio Fernández recibiu a visita da fotógrafa sarriá Mercedes Vázquez Saavedra co obxecto de inaugurar unha nova instalación de vinilos na outra escaleira do edificio principal do centro, titulándose esta escada “Amar as letras. Amar os números. Amar a vida”.
O título foi creado para este proxecto polo recoñecido escritor e cantautor Francisco Castro, mentres que o resto da escaleira se compón de lemas achegados por toda a comunidade educativa, entre os que destacan “Máis educación, menos conflitos”, “Aprender a nosa lingua fainos máis libres” ou “A educación, un feixe de luz!”, entre outros.
A través destes chanzos e coincidindo co 50 aniversario do centro, a dirección do IES Gregorio Fernández, á cabeza da cal está Ana López Valín, pretende subliñar a importancia da educación no enriquecemento persoal e social, motivando ao alumnado a valorar a aprendizaxe como un proceso imprescindible para formarse como persoas que contribúan á creación de sociedades tolerantes, solidarias, igualitarias e humanas.
Así mesmo, Mercedes Vázquez inaugurou varios paneis que promoven a igualdade de xénero, titulados “Feminismo para escépticos”, elaborados para o Plan Proxecta+ “Donas de si”, coordinado por Isabel Rodríguez e organizado pola Consellería de Política Social e Igualdade, en colaboración co equipo de Dinamización da Lingua Galega, dirixido por María Elena Corujo. Estes paneis, instalados no vestíbulo do edificio principal, recollen imaxes de mulleres galegas e portuguesas, así como os resultados dunha investigación do alumnado sobre a percepción do feminismo en Sarria. Entre outras conclusións, só un 40% das enquisadas e un 30% dos enquisados se consideran feministas, e existe a percepción de que o feminismo discrimina os homes.
Os paneis explican tamén a orixe do termo feminismo, derivado do latín femĭna, e detallan a historia das reivindicacións feministas desde o século XIX ata a actualidade, destacando as conquistas legais e a loita contra a discriminación ou violencia de xénero en todos os ámbitos.
Finalmente, Mercedes Vázquez participou nunha entrevista na radio escolar do centro, Radio Bolboreta, como parte do Programa Innova-lab (Mat-lab), coordinado pola profesora Fe Pérez, subliñando a súa figura como empresaria pioneira en Sarria ao abrir hai 50 anos a tenda textil Moreno, converténdose nun referente para celebrar o Día Internacional da Muller.