O IES Gregorio Fernández inaugurará unha nova instalación artística e paneis sobre igualdade o 5 de marzo

A fotógrafa sarriá Mercedes Vázquez Saavedra inaugurará no IES Gregorio Fernández unha nova instalación de vinilos situada na segunda escaleira do edificio principal o vindeiro 5 de marzo.
A intervención artística leva por título 'Amar as letras. Amar os números. Amar a vida' e incorpora textos creados expresamente para este proxecto polo escritor e cantautor Francisco Castro, quen cedeu as súas palabras para esta iniciativa. No acto estará tamén presente Geni Valcárcel en representación do Concello de Sarria.
A xornada incluirá ademais a inauguración de varios paneis dedicados á promoción da igualdade de xénero baixo o lema “Feminismo para escépticos”. Estes materiais foron elaborados no marco do Plan Proxecta+ 'Donas de si', coordinado por Isabel Rodríguez, xefa de Estudos de Adultos, en colaboración co equipo de Dinamización da Lingua Galega, dirixido por María Elena Corujo. Os paneis inclúen fotografías de mulleres asinadas por Mercedes Vázquez, recoñecida pola súa ampla traxectoria retratando mulleres galegas e portuguesas, un labor que constitúe unha achega destacada ao patrimonio cultural galego.
Os lemas que acompañan a instalación foron seleccionados a partir das propostas realizadas pola comunidade educativa. Entre eles figuran Máis educación, menos conflitos, de Andrea Hermida; Aprender a nosa lingua fainos máis libres, de Mª Luz Núñez; A educación, escaleira para acadar os teus soños, de Jesús Mejuto; A cultura é o fusil dos sensatos, de María Blanca Arza; Só a educación abre as portas da igualdade, de María Pilar Saavedra; Aprender é medrar libre, de María Luz García; A educación é o piar dunha sociedade, de Geni Valcárcel, concelleira de Sarria; Fórmate, entenderás a vida, de Isabel Rodríguez; A educación, un feixe de luz!, de Elena Corujo; e O coñecemento é poder!, de María Josefa García.
En canto aos paneis expositivos, situaranse no vestíbulo principal do edificio e recollen, entre outros contidos, os resultados dunha investigación realizada polo alumnado dentro do Plan Proxecta+ “Donas de si” sobre a percepción do feminismo na contorna de Sarria. Segundo os datos obtidos, só o 40% das mulleres enquisadas e o 30% dos homes se declaran feministas. Ademais, o 50% das mulleres e o 70% dos homes consideran que o feminismo discrimina os varóns, mentres que o 40% das respostas femininas e o 65% das masculinas sosteñen que na actualidade son as mulleres quen contan con máis dereitos.
Os paneis explican tamén a orixe etimolóxica do termo feminismo, procedente do latín femĭna, ‘muller’, unido ao sufixo -ismo, que indica doutrina ou movemento. Subliñan que o concepto non nace dunha suposta superioridade feminina nin dun rexeitamento cara aos homes, senón como unha corrente social orientada á consecución da igualdade plena. Lémbrase que a palabra comezou a empregarse no século XIX para definir as persoas que, asumindo importantes riscos persoais e legais, loitaron contra a exclusión das mulleres dos principios de democracia e igualdade xurídica proclamados polos sistemas liberais emerxentes. Estas reivindicacións, mantidas ao longo de dous séculos e sumadas ás loitas desenvolvidas en distintas etapas históricas desde hai máis de dous mil anos, permitiron consolidar dereitos e establecer sancións penais fronte á discriminación e á violencia contra as mulleres en calquera ámbito.
Como peche da súa visita, Mercedes Vázquez participará nunha entrevista na radio escolar do instituto, actividade integrada no Programa Innova-lab (Mat-lab), un proxecto interdisciplinar coordinado pola profesora de Matemáticas e secretaria do centro, Fe Pérez. Esta iniciativa combina Matemáticas, Historia e Ciencias Sociais para analizar distintas perspectivas arredor do concepto de infinito.
No caso da escaleira artística, a iniciativa enmárcase nas actividades do 50 aniversario do instituto. A equipa directiva, encabezada por Ana López Valín, pretende resaltar a relevancia da educación como motor de desenvolvemento persoal e colectivo, animando o alumnado a entender a formación como un proceso esencial para contribuír á construción de sociedades máis tolerantes, solidarias, igualitarias e humanas.