O IES Xograr Afonso Gómez acolleu a exposición ‘Tan coma ti’ de Down Lugo

SarriaXa
A mostra de Down Lugo contou coa participación dos seus protagonistas e enmárcase no programa Xograrte
exposición-'Tan-coma-ti'-Down-Lugo-IES-Xograr-Sarria
4 Mar 2026

O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria foi escenario esta semana da exposición fotográfica Tan coma ti, unha iniciativa impulsada por Down Lugo que convida a reflexionar sobre a igualdade, o respecto e a dignidade de todas as persoas.

A mostra permaneceu instalada nos corredores e na biblioteca do centro educativo, permitindo que o conxunto da comunidade escolar se achegase a unha realidade esencial de cara á súa futura práctica profesional, especialmente no ámbito social e educativo.

O venres desenvolveuse unha xornada especialmente significativa coa presenza dos protagonistas da exposición, que foron os encargados de guiar a visita a distintos grupos da ESO. A actividade converteuse así nun espazo de aprendizaxe directa e diálogo, favorecendo unha experiencia práctica baseada na sensibilización e na inclusión.

A proposta adquiriu un simbolismo especial ao coincidir coa celebración do 1 de marzo, Día da Cero Discriminación, unha data que lembra que todas as persoas son iguais en dereitos e dignidade. A iniciativa enmárcase no programa Xograrte, baixo o lema “Unha choiva de talentos que transforma realidades”, impulsado desde o ciclo formativo de Atención a Persoas en Situación de Dependencia, que continúa a apostar por unir arte e inclusión como ferramenta de transformación social.

Desde o centro trasladaron o seu agradecemento a Down Lugo pola colaboración e por contribuír a facer posible unha actividade que reforza valores fundamentais dentro da comunidade educativa.

0.15855407714844