O IES Xograr Afonso Gómez celebra a segunda Semana da música polo seu 50 aniversario

O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria iniciou a segunda Semana da música especial con motivo do seu 50 aniversario cunha xornada inaugural marcada pola variedade de estilos e a participación tanto do alumnado como do profesorado.
As primeiras actuacións abriron cun preludio de Arcangelo Corelli, interpretado ao trombón por Xacobe Rodríguez Fernández, e coa Fanfarria de André Campa a cargo de Naia González López ao bombardino, ambas as dúas pezas acompañadas a dúo polo director do centro, José Manuel Valcarce.
A programación continuou cun cambio de rexistro coa interpretación de Whiplash de Metallica á guitarra eléctrica por Lucas David Ramilo Castellano, seguida do Estudio nº 9 de Frédéric Chopin, executado ao piano por Marc Toirán Pérez. O peche da xornada correu a cargo da profesora Nerea Iglesias Maside, que interpretou Shallow de Lady Gaga cunha destacada actuación vocal, acompañada ao piano novamente por Marc Toirán Pérez.
A celebración musical continúa hoxe, martes 26 de decembro, cun repertorio formado por A Little dance, Minuetto en Do maior, Canon en Re maior e Singin’ in the rain. Ademais, a segunda Semana da música prolongarase ata o mércores 17, cunha nova sesión na que se poderán escoitar Trío en Do maior, Gershwin for three e Allegro y Minueto, completando así un programa que conxuga música clásica, moderna e cinematográfica no marco do aniversario do centro educativo.