O IES Xograr Afonso Gómez celebrou o Día Mundial da Saúde
O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria celebrou no día de onte, co fin de conmemorar o Día Mundial da Saúde. Para iso levaron a cabo diferentes actividades dirixidas a promover hábitos de vida saudable, previr enfermidades e coidar o medio ambiente.
Así, coa colaboración do alumnado do Ciclo Medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia, a comunidade educativa tivo a oportunidade de analizar a súa propia saúde. Medíronse variables como a presión arterial, a temperatura, a frecuencia cardíaca e respiratoria, a saturación de osíxeno ou o índice de masa corporal. Recibiron tamén información sobre a importancia do coidado do medio ambiente para o que é preciso reducir a contaminación acústica, atmosférica e hídrica. Tampouco se esqueceron da importancia de realizar exercicio físico periódico e de levar una dieta equilibrada.
A maiores, dende a biblioteca e o Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, o alumnado de 1º de Bacharelato mostrou os compoñentes do sangue e a interpretación das súas análises. Un importante traballo co que se quere achegar o coñecemento científico ós contextos prácticos, promovendo hábitos de vida saudables.
Tamén tiveron dúas charlas da Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE, unha para o alumnado de 1º de Bacharelato titulada "O importante é chegar" co obxectivo de sensibilizar, informar e previr os accidentes de tráfico facendo visible a relación dos traumatismos craneoencefálicos derivados dos accidentes de tráfico co Dano Cerebral Adquirido (DCA) e outra específica para o alumnado do Ciclo de Atención a Persoas en situación de dependencia con contidos máis específicos da atención ás persoas con Dano Cerebral Adquirido.