O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria acolleu unha actividade científica do proxecto Alerta Verde

O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria recibiu a visita dun grupo de persoas pertencentes ao centro de investigación CINTECX da Universidade de Vigo, que achegaron ao centro o seu proxecto Alerta Verde.
A iniciativa desenvolveuse a través dunha actividade dinámica na que se propuxo ao alumnado un desafío: salvar o instituto de diversas ameazas mediante un videoxogo, aplicando para iso os coñecementos científicos adquiridos ao longo do curso.
A proposta buscou fomentar a aprendizaxe práctica e o pensamento crítico, combinando tecnoloxía e ciencia nun contexto lúdico que implicou de maneira activa aos estudantes. A través desta experiencia, o alumnado puido poñer en valor o aprendido na aula nun escenario simulado que recreaba situacións de risco.
Ademais, días antes desta actividade, o alumnado participou tamén no programa “Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais”, centrado na concienciación sobre o uso responsable das ferramentas dixitais e a protección da identidade en internet.
Ambas iniciativas enmárcanse dentro das actividades impulsadas polo Club de Ciencia do centro, que continúa promovendo propostas educativas orientadas a espertar o interese pola investigación e o coñecemento científico entre o alumnado.