O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria foi galardonado na quinta edición dos Premios Innovagal

SarriaXa
Este instituto implementou varias accións paralelas co obxectivo de mellorar a calidade educativa
IES-Xograr-Afonso-Gómez-Sarria
14 Jan 2025

O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria foi galardonado na quinta edición dos Premios Innovagal, uns galardóns que recoñecen o compromiso de oito centros escolares coa innovación e as boas prácticas educativas.

Este centro educativo sarriao recibiu o terceiro premio na Categoría B, destinada a Centros Públicos Integrados (CPI), Institutos de Educación Secundaria (IES) e Centros de Educación e Promoción de Adultos (EPA). Ademais na súa categoría tamén foron premiados o IES Plurilingüe Rafael Dieste, que recibiu o primeiro premio; o IES de Beade, que acadou o segundo galardón; e o CPI Plurilingüe da Picota de Mazaricos recibiu unha mención de honra.

Este instituto implementou varias accións paralelas co obxectivo de mellorar a calidade educativa e avanzar cara a un centro máis sostible. As súas iniciativas, que abarcan desde o fomento da creatividade até a promoción de hábitos sostibles e saudables, buscan fortalecer a comunidade educativa, valorar a diversidade e promover a aprendizaxe lúdica e crítica.

Esta iniciativa ten como obxectivo impulsar o desenvolvemento de novas propostas educativas, promover a creación dunha rede de colaboración entre os centros e fomentar a formación continua do profesorado. Ademais, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional busca poñer en valor o papel da comunidade educativa como motor de transformación social.

Na Categoría A, dirixida a centros de Infantil, Primaria, Educación Especial e Colexios Rurais Agrupados, os galardóns recaeron nos seguintes centros: o CEIP Plurilingüe de Louro de Muros, que obtivo o primeiro premio; o CEIP Mestre Martínez Alonso de Mos, que logrou o segundo premio; o CEIP de Prácticas López Ferreiro de Santiago de Compostela, que acadou o terceiro premio, e o CEIP da Torre-Illa da Illa de Arousa, que foi recoñecido cun accésit.

Os Premios Innovagal destacan o esforzo e dedicación dos centros educativos galegos no ámbito da innovación, recoñecendo o seu papel fundamental na adaptación do ensino aos retos do futuro e na mellora continua da calidade educativa.

0.146329164505