O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria participou na fase internacional do programa ‘Observa-Acción'
O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria participou na fase internacional do programa ‘Observa-Acción: Forxando alianzas en Romanía’ logo de superar as fases previas (autonómica e estatal) co IES Carlos Casares de Viana do Bolo, e xunto ao IES Albalat de Navalmoral de la Mata nos anteriores cursos. Nesta nova fase de carácter internacional traballaron no Colegiul National Mihai Eminescu en Constanza de Romanía.
Da man de Alina Bianca Raftu, coordinadora do encontro no centro romanés, desde o IES sarriao mantiveron un programa de traballo baseado nunha visita integral guiada polo centro; a observación en aula en diferentes niveis educativos e materias e múltiples reunións arredor do funcionamento e organización dos centros e tamén no intercambio dos respectivos enfoques sobre plans e proxectos de traballo.
Así, quedan alianzas e compromisos de traballo pechados para un futuro próximo en proxectos europeos como E-Twinnnig e Erasmus+, “un aspecto especialmente satisfactorio pola calidade humana e profesional xunto á boa sintonía establecida cos compañeiros romaneses”, explican desde o centro educativo.
Ademais, din estar “enormemente agradecidos e emocionados pola acollida dos compañeiros docentes romaneses, cun encontro cheo de afecto e aprendizaxe, no que confirmamos que os territorios afastados e lonxanos teñen máis vínculos dos que se poidan supoñer”, conclúen.
O programa 'Observa-Acción' ten como principal obxectivo o desenvolvemento das Competencias Profesionais Docentes (CPDs) dende a perspectiva metodolóxica da observación entre iguais (OEI), da reflexión individual e/ou grupal dos propios docentes, do intercambio de boas prácticas e da implementación do aprendido na aula dos docentes participantes.