O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria recibe o Premio Galicia Saudable

SarriaXa
O centro é recoñecido pola súa aposta pola vida activa, a saúde e a mobilidade sostible
IES-Xograr-Afonso-Gómez-de-Sarria-patio
6 Sep 2025

O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria foi galardoado na edición 2023-2024 dos Premios Deporte Galego na categoría "Premio Galicia Saudable ás entidades destacadas no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa", dentro do apartado de entidades educativas.

A Xunta de Galicia recoñece deste xeito o esforzo do centro por impulsar a saúde e a vida activa, unha liña que percorre todos os departamentos, máis aló da Educación Física.

Entre as iniciativas valoradas destaca o programa de mobilidade sostible e segura coa campaña "En bici ao Xograr. ¡Anímate a pedalear!", que leva cinco anos promovendo o uso da bicicleta entre o alumnado mediante préstamos e actividades complementarias.

Ademais, o IES desenvolve un amplo abano de propostas para fomentar hábitos saudables, previr condutas de risco, coidar o benestar emocional, formar en soporte vital básico a alumnado e profesorado, organizar actividades deportivas intercentros, dar a coñecer modalidades deportivas minoritarias, impulsar o contacto coa natureza e promover o lecer activo dentro e fóra do centro.

O centro agradeceu o recoñecemento, destacando a implicación do profesorado e do alumnado, así como a colaboración de entidades, asociacións, federacións, clubs deportivos e empresas locais que fan posible esta ampla oferta de actividades.

⚙ Configurar cookies
0.13198494911194