O Ies Xograr Afonso Gómez pioneiro na provincia no proxecto Stars
O Ies Xograr Afonso Gómez organizou unha serie de actos para conmemorar o Día Internacional da Bicicleta, que se celebra o xoves, coa promoción de novos hábitos de mobilidade máis sustentables e saudables.
Isabel Rodríguez, subdelegada do goberno, felicitou ao equipo directivo e profesores do Ies Xograr Afonso Gómez, e destacou que é “un centro pioneiro na provincia pola vosa adhesión, xunto co Concello, ao proxecto europeo STARS co que a Dirección xeral de Tráfico se propón fomentar pautas de mobilidade máis activas entre os escolares”.
“Neste instituto, ademais de matemáticas ou literatura tamén estades aprendendo que usar a bicicleta ou camiñar para ir a clase non só é posible, senón que tamén é divertido e saudable. E esa aprendizaxe débese ao compromiso duns profesores que se preocupan de ampliar a vosa formación máis aló do que vén nos libros, coa difusión de valores que serán importantes para a vosa vida e a vosa saúde”, asegurou a subdelegada.
Rodríguez participou nas distintas actividades organizadas esta mañá no centro escolar, como un sorteo e entrega de agasallos ao alumnado, así como a apertura dunha exposición sobre a bicicleta que permanecerá aberta ata o venres, na que se mostran fotografías e autógrafos de ciclistas famosos, libros e revistas, material sobre seguridade vial e bicis antigas, entre outros materiais, parte deles cedidos por distintas empresas de Sarria que colaboran habitualmente coas actividades organizadas polo instituto.
PROXECTO STARS
O Ies Xograr Afonso Gómez é o primeiro da provincia que se adheriu, xunto co Concello de Sarria, ao proxecto europeo STARS da Dirección Xeral de Tráfico. Con esta iniciativa, na que participaron máis activamente 40 estudantes, fomentouse entre o alumnado o uso de medios alternativos ao coche para os desprazamentos ao centro escolar. Ademais, a Dirección Xeral de Tráfico ofreceu formación online a 130 alumnos de 1º e 2º da ESO deste instituto.
Logo da satisfactoria experiencia do Ies Xograr Afonso Gómez durante este curso, o xefe provincial de Tráfico púxose en contacto o mes pasado con todos os colexios da provincia para ofrecerlles a posibilidade de participar o próximo curso neste proxecto educativo destinado a promover novos hábitos de mobilidade por parte dos estudantes e o profesorado.
O xefe de Tráfico explicou que o proxecto europeo STARS (Sustanaible Travel Accreditation and Recognition for Schools), coordinado pola Dirección Xeral de Tráfico, que involucra tanto aos concellos como os centros educativos, ten por obxectivo fomentar pautas de mobilidade máis activas e sustentables nos alumnos de primaria e secundaria, diminuíndo a utilización do coche.
Este proxecto educativo, ademais do seu valor pedagóxico, promove estilos de vida saudables e aporta outros valores como o fomento da autonomía dos nenos e mozos e axuda a transformar cidades e vilas en lugares máis amables e humanos nos que o protagonismo é para as persoas e non para os vehículos.
O proxecto STARS vai dirixido fundamentalmente a alumnos/as de 6 a 19 anos, que se converten en protagonistas da iniciativa pois son os propios escolares quen deseñan campañas de fomento da mobilidade sostible, potenciando así a súa creatividade e capacidade de comunicación.
As actividades que se levan a cabo dentro do proxecto poden consistir en campañas de mobilidade no propio centro educativo, a realización de concursos, exposicións sobre mobilidade, sesións informativas para familiares e profesores, etc.
En función da implicación do centro escolar, do número de actividades realizadas e dos resultados obtidos no cambio dos desprazamentos, o centro educativo conseguirá unha acreditación que pode ser de bronce, prata ou de ouro.