O IES Xograr Alfonso Gómez iniciou unha semana de actividades pola Semana da Mobilidade

SarriaXa
Durante toda a semana estarán a disposición do alumnado na biblioteca xogos de mesa sobre accesibilidade
IES-Xograr-Afonso-Gómez-Sarria
14 Sep 2024

O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria realizará un gran número de actividades para conmemorar a SEM (Semana Europea da Mobilidade), entre as que se atopan propostas de educación vial, de sostibilidade, de seguridade, de concienciación, etc. Algunhas delas son coa colaboración do Concello de Sarria, outras coa colaboración da Asociación Diversa, outras coa colaboración da Federación Galega de Ciclismo ou do Club Ciclista Local DHGTeam, AESLEME, a Garda Civil ou a DXT. Comezaron este venres asistindo co alumnado á Saída da Volta ciclista a Galicia.

Durante toda a semana estarán a disposición do alumnado na biblioteca xogos de mesa sobre accesibilidade da asociación Diversa para concienciar ao alumnado sobre as dificultades de mobilidade que teñen as persoas con diversidade funcional. Nesta liña o xoves, alumnado do Ciclo Medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia, percorrerá distintas zonas de Sarria analizando o uso das prazas de aparcamento das persoas con mobilidade reducida concienciando cara ao seu respecto e informando aos condutores daqueles coches que non posúan a tarxeta acreditativa necesaria.

O mércores alumnado de 2º ESO realizará unha exposición pública no Malecón dos resultados da Campaña de análise da calidade do aire na comarca de Sarria realizado o curso anterior. Neste caso sinalar a colaboración do Concello para adquirir tubos de mostras específicos para o estudo da contaminación do aire e tamén a elaboración de paneis específicos para publicitar os carteis informativos. Este estudo realizouse dentro do Proxecto Competencial durante dous cursos cunha profesora de Bioloxía. Ese alumnado acudirá ao CEIP Feri Luis de Granada a expoñer os traballos o xoves día 19.

Tamén o xoves o alumnado da ESO nas sesións de Eduación Física realizará unhas xincanas de habilidade coa bicicleta e contarán coa colaboración do Club DHGTeam e con técnicos da Federación Galega de Ciclismo.

Tamén o xoves 3º e 4º da ESO terán a charla Si controlas vuelves a cargo de AESLEME e o venres o alumnado de Bacharelato realizará un Escape Room coa DXT sobre educación vial, por último ese mesmo día o alumnado de 1º e 2º da ESO recibirá unha charla do Plan Director da Garda Civil sobre seguridade na vía pública. Normas como peóns e como usuarios de bicicleta.

Este instituto mantén por cuarto ano consecutivo un Plan de innovación educativa de Mobilidade sostible e segura e ten un sistema préstamo de bicicletas en funcionamento.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15420699119568