O II Festival de Bandas Comarca de Sarria foi todo un éxito

SarriaXa
Tanto os pasarrúas previos como o concerto na Praza da Vila reuniron a un público numeroso, consolidando a proposta musical como parte do calendario cultural local
II-Festival-de-Bandas-Comarca-de-Sarria
15 Jul 2025

Sarria viviu unha xornada marcada pola música de banda coa celebración do II Festival de Bandas Comarca de Sarria, evento integrado na I Semana da Banda impulsada pola Banda de Música da Comarca de Sarria (BMCS).

Tanto os pasarrúas previos como o concerto na Praza da Vila reuniron a un público numeroso, consolidando a proposta musical como parte do calendario cultural local.

A Banda de Música de Chantada, convidada nesta ocasión, deixou patente a súa experiencia interpretando un repertorio variado que combinou pezas de autoría galega, como o pasodobre Marcos Areán de Javier Borrajo, a danza Festa na Tolda de Gustavo Freire ou a icónica Muiñeira de Chantada dos irmáns Fernández, con obras internacionais como un extracto de Coppelia de Léo Delibes ou as Danzas cubanas de Robert Sheldon.

Pola súa parte, a BMCS apostou por un programa cun equilibrio similar, ofrecendo o pasodobre Musical Apolo de Amando Blanquer Ponsoda e a obertura Alvamar de James Barnes como representación foránea, e mantendo a identidade galega con pezas como Fantasía sobre tres temas galegos de Simón Couceiro, Muiñeira dos Pendellos de Juan Lois Diéguez e o Himno de Sarria, composto por Carmela González, Enrique García Rey e Manuel Montero López. A interpretación deste último contou coa participación da cantante local Ana Miranda, que puxo voz á letra do himno.

 Desde a BMCS subliñan que o obxectivo deste evento é dobre: por unha banda, enriquecer a oferta musical da localidade achegando agrupacións doutros puntos de Galicia, e por outra, aprender da experiencia destas bandas para seguir mellorando a calidade da súa formación.

Como colofón, a Banda de Música de Chantada convidou á BMCS a actuar no XXXIV Festival de Bandas de Música de Chantada, previsto para o 24 de agosto, un xesto que reforza os lazos entre ambas agrupacións e permitirá que a música sarriá siga espallándose por outras localidades galegas.

⚙ Configurar cookies
0.14817404747009