O II Obradoiro de Cana Simple concluíu cun concerto "de cine" no colexio de Triacastela

O alumnado do II Obradoiro de Cana Simple para clarinetes e saxofóns, organizado pola Banda de Música da Comarca de Sarria, puxo o broche final á actividade cun concerto de clausura celebrado no colexio de Triacastela.
O recital, que tivo como fío condutor o mundo do cinema, deleitou ao público coa interpretación de pezas tan emblemáticas como La Misión, Aladdín, Cinema Paradiso ou Los Piratas del Caribe, entre outras. Un repertorio que destacou tanto pola súa calidade musical como pola emotividade das obras seleccionadas.
O obradoiro, que se celebra por segundo ano consecutivo no Concello de Triacastela, contou cunha alta participación e excelentes resultados, consolidándose como unha proposta formativa de referencia no ámbito musical da comarca.
Neste II Obradoiro participaron unha vintena de alumnos e catro mestres, nunha experiencia que combinou aprendizaxe, convivencia e música en directo. Un éxito organizativo que reafirma o compromiso da Banda de Música da Comarca de Sarria coa educación musical e a dinamización cultural do territorio.