O inciao Jose Parada segue apostando polas motos, a pesar de que Celtic Riders non teña actividade

SarriaXa
Jose Parada afirma que apoiará todas as iniciativas que teñan que ver co ámbito moteiro da comarca de Sarria, a pesar de que xa non teñen actividade os Celtic Riders.
Jose Parada O Incio moto
1 Nov 2023

Jose Parada afirma que apoiará todas as iniciativas que teñan que ver co ámbito moteiro da comarca de Sarria, a pesar de que xa non teñen actividade os Celtic Riders.

Un dos promotores do grupo de moteiros Celtic Riders do Incio vén de anunciar que o grupo, tal e como se coñecía, xa non ten moita actividade deportiva.

Jose Parada, o catalán afincado no Incio desde hai catro anos, sostén que “o de xuntarse entre 15 e 20 persoas para andar na moto estivo ben durante dous anos, pero é moi complicado xuntar a tanta xente que ten diferentes circunstancias na súa vida e que, ademais, a maioría, non viven no Incio”.

Así, dixo que segue xuntándose con tres ou catro amigos do grupo cos que si sae en moto de vez en cando, pero que o dos Celtic Riders “era difícil de manter” porque “non hai tempo”.

Por isto, Parada comenta que está tamén moito cos moteiros do Sarria Bikers, que organizaron en maio a súa primeira concentración de motos, e aos que cualifica de “moi boa xente que fai cousas moi interesantes”. Así, dixo que promoverá e axudará a Sarria Bikers a que desenvolvan este ano a Papanoelada de motos en Sarria, na que lle gustaría participar.

Viaxe por Europa coa moto

Este veciño do Incio, por outra parte, vén de facer un percorrido de dúas semanas coa súa moto, a súa muller e unha tenda de campaña saíndo desde o Incio ata Francia, despois cara a Suíza, logo Alemaña, a continuación Austria, e finalmente Liechtenstein, para logo volver baixar polos Alpes ata Italia e logo xa de volta a Barcelona e, desde aí, a O Incio.

“O mellor da experiencia foi acampar nos Alpes e espertarse aí”, sostivo Parada, quen sostén que se quedarían máis de viaxe se non fora por unha tormenta “que nos seguiu toda a viaxe, e cando chegamos a Italia queríamos baixar máis, pero decidimos volver porque se non, nos collía”.

Así, di que seguirá facendo este tipo de viaxes e aventuras coa súa moto porque é a súa paixón e apoiará todas as iniciativas da comarca de Sarria e arredores que promovan o uso deste vehículo.

Outras afeccións

Jose Parada, ademais do seu traballo do día a día e da súa afección polas motos, agora tamén é un inciao youtuber, que vai subindo ás redes sociais as súas viaxes e todo o que ten que ver coa moto.

“Merquei unha moto grande e empecei a gravar vídeos sen ter intención de gañar nada, pero o primeiro ano xa me marquei obxectivos e cumprinos, e este ano quería chegar aos 5.000 subscritores e estou a piques de conseguilo. É algo que me gusta e leva tempo, pero documentar o que fago coa moto, gústame”.

Jose Parada moto O Incio
0.15772199630737