O Incio acolle a primeira actuación de Interritmos Sons do Rural
Este próximo venres día 8 de outubro, a Aldea Modelo de Trascastro situada no Concello do Incio será o escenario da primeira actuación do proxecto Interritmos Sons do Rural.
Este concurso, impulsado polo Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra – Courel, foi un encontro musical que nace na importancia de gozar da música en directo.
Por esta razón, na xornada do venres poderase gozar do grupo gañador de dita experiencia, así coma de outras actividades e entretementos que se desenvolverán a partir das 18 horas. En primeiro lugar, realizarase unha visita a Trascastro e, seguidamente, o grupo Paraiso Canto, gañador de Interritmos Sons do Rural, realizará unha actuación. Xa ás 18.45 horas levarase a cabo unha conversa coa gaiteira galega Susana Seivane e ás 19.30 a banda folk Ribas de Sil 3.0. actuará como grupo invitado.
Para finalizar, ás 20 horas, realizarase unha degustación de produtos locais da Aldea Modelo de Trascastro. Así mesmo, hai que lembrar que se levarán a cabo todas as medidas sanitarias.
Por outra beira, para poder participar nesta xornada variada e única, é necesaria previa inscrición no seguinte enlace: https://interritmos.deloa.es/xornadas/