O Incio acolle este venres e sábado a cuarta edición do festival Tremeterra

O Incio converterase este venres e sábado, 29 e 30 de agosto, no punto de encontro da cultura soundsystem coa celebración da cuarta edición do festival Tremeterra, que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A deputada de Cultura, Iria Castro, achegouse ata a área recreativa do encoro de Vilasouto para coñecer de primeira man os últimos preparativos do evento.
O cartel desta edición está conformado por quince artistas e grupos do panorama europeo, entre os que destacan 10.000 Lions, Black Beanie Dub, Ashanti Selah, Violinbwoy, Peter Youth Man, Roll & Record, Ishan Sound, Rider Shafique, Lion´s Den Soundsystem, Morganah Souljah, Dubbing Sun, Nina Girasóis, High Nebra, Piya Zawa e Tom Spirals.
O TremeTerra tamén inclúe obradoiros e debates abertos sobre diversidade e experimentación sonora, ofrecendo unha experiencia enriquecedora máis aló da música. A contorna natural do encoro de Vilasouto engade un atractivo adicional, facendo do festival un evento singular no interior da provincia.
Iria Castro resaltou “a singularidade do festival, que amplía e diversifica a axenda cultural e de música en directo desde o interior da provincia” e destacou a “aposta da organización por fórmulas de autofinanciamento como principal recurso e pola gratuidade da entrada”.
Ademais, o TremeTerra conta cunha zona de acampada que se converte no epicentro da convivencia durante as dúas xornadas do festival.