O Incio acolle o proxecto ‘Na Casa Delas’ cun concerto e homenaxe ás poetas galegas

O Concello do Incio, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo, presenta este sábado ás 19:00 horas o proxecto Na Casa Delas na igrexa de San Pedro Fiz de Hospital.
A iniciativa, que contará con entrada de balde ata completar aforo, dá continuidade ao programa Na Casa Deles e busca poñer en valor a obra literaria das poetas galegas a través da música e da palabra.
O cuarteto vocal Son de Corda interpretará poemas musicados de Marica Campo, Luz Pozo, Olalla Cociña, María Mariño, Xela Arias e Olga Novo. Ademais, proxectarase un vídeo no que se recolle a visita ás casas das autoras, ofrecendo unha visión máis íntima da súa vida e do seu legado.
O alcalde do Incio, Héctor Corujo, agradeceu a colaboración da diócese de Lugo para facer posible a celebración deste acto cultural na igrexa de San Pedro Fiz.