O Incio acolle un taller sobre o aproveitamento das frondosas caducifolias o 16 de maio

SarriaXa
A xornada terá lugar no salón de usos múltiples do Concello do Incio e está aberta a todas as persoas propietarias e xestoras forestais que estean interesadas
casa-do-concello-de-O-Incio
6 May 2025

A Asociación Forestal de Galicia, en colaboración co Concello do Incio, organiza un taller sobre o aproveitamento das frondosas caducifolias o vindeiro 16 de maio, no marco do proxecto ForestED.

A xornada terá lugar no salón de usos múltiples do Concello do Incio e está aberta a todas as persoas propietarias e xestoras forestais que estean interesadas na xestión forestal e nas posibilidades do aproveitamento da madeira para a construción, así como nas vantaxes das agrupación forestais de xestión conxunta.

A asistencia é gratuíta previa inscrición nos teléfonos 981 564 011 ou 918 752 214, ou enviando un correo electrónico ao enderezo afg@asociacionforestal.org

O proxecto ForestED ten como finalidade a obtención de novos produtos de madeira a partir de frondosas caducifolias e coníferas hoxe en día pouco consideradas a nivel comercial. O obxectivo é xerar produtos para a edificación, tanto estruturais como non estruturais (carpintería de interiores, exteriores, etc.) e para mobiliario urbano.

ForestED é unha iniciativa liderada polo Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña, que conta coa participación do Consorci Forestal de Catalunya, do Centro de Ciencia y Tecnología Forestal de Cataluña e da Asociación Forestal de Galicia.

Un dos montes obxecto de estudo, en Laiosa

Dentro das accións desenvolvidas neste proxecto seleccionáronse tres montes obxecto de estudo en Galicia un en Zas, outro en Boqueixón e un terceiro no Incio, concretamente na parroquia de Laiosa.

Neste monte de Laiosa, seleccionouse unha masa de carballo onde se fixo unha corta selectiva de pés que foron enviados a Cataluña para a súa análise, experimentación e transformación por parte dos socios tecnolóxicos do proxecto ForestED, o Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña e o Centro de Ciencia e Tecnoloxía Forestal de Cataluña.

ForestED conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU.

⚙ Configurar cookies
0.15428400039673