O Incio acolle unha charla informativa sobre o dano cerebral adquirido o xoves

A localidade do Incio acollerá o vindeiro xoves 13 de marzo unha charla informativa sobre o dano cerebral adquirido, unha discapacidade que afecta en Galicia a máis de 35.000 persoas.
A sesión está promovida por Dano Cerebral Galicia, a federación que agrupa ás cinco asociacións galegas especializadas nesta discapacidade, en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns e o Concello do Incio.
A actividade celebrarase ás 16:30 horas na Casa do Concello e está aberta a todo tipo de público. A asistencia é de balde, aínda que se require inscrición previa, que pode realizarse chamando ao teléfono 982 427 014. A duración estimada é dunha hora e media.
O obxectivo desta iniciativa é informar sobre as principais causas do dano cerebral adquirido, como o ictus e os traumatismos cranioencefálicos, moitas veces derivados de accidentes de tráfico, laborais ou caídas, describir as súas secuelas e concienciar sobre a súa prevención. Ademais, ofrecerase información sobre os recursos e servizos dispoñibles na contorna da comarca de Sarria para as persoas afectadas e as súas familias.
Durante a sesión tamén se achegarán recomendacións para reducir o risco de sufrir un dano cerebral, explicaranse os principais sinais de alerta ante un ictus, e detallaranse as secuelas máis habituais, moitas delas invisibles, como as alteracións condutuais, emocionais ou cognitivas. Así mesmo, exporanse as necesidades que afrontan as persoas con dano cerebral adquirido e darase a coñecer o abano de apoios existentes para mellorar a súa calidade de vida.
Desde a organización lembran que o aumento de casos de ictus nos últimos anos, motivado polo envellecemento da poboación e o empeoramento dos hábitos de vida, está detrás do incremento desta discapacidade en Galicia. A isto súmase a mellora na atención sanitaria de urxencia, que permite salvar máis vidas, aínda que moitas delas continúan con secuelas.