O Incio acolle unha regata autonómica coa celebración da Liga Galega Infantil de Piragüismo

SarriaXa
Trátase da primeira competición autonómica desta modalidade que se celebra no municipio dende os anos 90, coincidindo co levantamento, en 2022, da prohibición de palear no encoro de Vilasouto
Liga-Galega-Infantil-de-Piragüismo-O-Incio
11 Jun 2025

O vindeiro domingo, 15 de xuño, o Concello do Incio será escenario da Liga Galega Infantil de Piragüismo, en categorías K1 e C1 sobre unha distancia de 3000 metros.

Trátase da primeira competición autonómica desta modalidade que se celebra no municipio dende os anos 90, coincidindo co levantamento, en 2022, da prohibición de palear no encoro de Vilasouto, vixente durante décadas. Este mesmo escenario acolleu xa en setembro de 2024 unha proba de ámbito provincial, correspondente á XIV Liga Provincial de Piragüismo.

A presentación oficial da regata celebrouse cun acto no que participaron o alcalde do Incio, Héctor Corujo, e o vicepresidente da Federación Galega de Piragüismo, Martín Carballo. Corujo amosouse “encantado de contribuír a esta iniciativa, que debería ser un impulso para o pobo, un pobo pequeno do interior”. Ademais, expresou o seu desexo de “seguir organizando actividades náuticas neste encoro” e destacou que este evento pode “poñer a O Incio no mapa destas modalidades deportivas”.

A competición reunirá un total de 218 palistas de 32 clubs galegos. Entre eles estará o Cidade de Lugo, que despraza a dez deportistas ata o encoro de Vilasouto. O club lucense chega á sexta proba da tempada en sétima posición na clasificación xeral con 293 puntos, despois de obter bos resultados nas dúas últimas regatas en Verducido (59 puntos) e Taboada (60 puntos). Encabeza a clasificación o Club Cofradía Pescadores Portonovo, seguido polo Club Kayak Tudense e o Club Fluvial de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.15466094017029