O Incio acollerá a xornada Bailar o Patrimonio cun obradoiro tradicional e un concerto de música galega

O Concello do Incio converterase este sábado 13 de decembro nun punto de encontro coa tradición galega coa celebración da xornada Bailar o Patrimonio. A proposta abrirase pola mañá cun obradoiro de baile tradicional impartido por Luis Prego no CEIP Ricardo Gasset de 11.00 a 13.00 horas, unha sesión orientada a difundir ritmos e pasos propios da cultura popular galega entre persoas de diferentes idades.
Xa pola noite, ás 21:00 horas, o antigo mercado do Incio será o escenario dun concerto de Lideira, grupo que achegará ao público a súa reinterpretación da música de raíz galega nun espectáculo pensado para completar unha xornada de celebración do patrimonio inmaterial.
As actividades, promovidas por Outonía, contan co financiamento da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e coa colaboración do Concello do Incio e Laboratorio Mutante, que se unen para reforzar a difusión da cultura tradicional na comarca.