O Incio aproba un orzamento de 1,3 millóns de euros

SarriaXa
O equipo de goberno sacou adiante en solitario estas contas e asegura que a súa prioridade son os veciños e veciñas do municipio
pleno xaneiro o incio
29 Xan 2021

O Concello do Incio aprobou no pleno de hoxe, por primeira vez de xeito telemático, os Presupostos municipais para o ano 2021, que ascenden a 1.319.454 euros. As contas saíron adiante cos votos a favor do equipo de goberno, do Partido Popular, e coa abstención do PSdeG-PSOE.

Á contía aprobada hoxe hai que sumar tamén a achega do Plan Único da Deputación de Lugo, que ascende a 291.000 euros. Unha vez se incorpore esta cantidade, o Goberno local destinará a investimentos preto de 220.000 euros do Plan.

As contas que se veñen de aprobar destinan 30.000 euros a inversión para obras de reparación. A este investimento sumarase outra partida de 37.720 euros procedentes do Plan Único para obras e outra de 25.000 euros máis de actuacións que serán cofinanciadas pola Xunta de Galicia. Engádese tamén unha partida municipal de 9.900 euros ao Plan de mellora de camiños municipais da Xunta de Galicia, que hoxe mesmo publica o DOG.

A PRIORIDADE, AS PERSOAS

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, subliña o “importante esforzo” que está a facer o Concello en gasto social, con especial atención ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), "cuxo orzamento medra cada exercicio". No ano 2018 o custo dese servizo foi 189.031,83 euros; no 2019, 217.275,60 euros; e no 2020, 227.238,90 euros. O rexedor asegura que “temos a firme vontade de ser capaces de seguir prestando o servizo a todos os que nolo soliciten e incluso incrementar o número de usuarios”.

Corujo valora tamén os recursos que se destinan a financiar actividades para os veciños e veciñas, así como o servizo de madrugadores posto en marcha en colaboración co CEIP Ricardo Gasset para axudar na conciliación da vida familiar e laboral, entre outros.

0.1883008480072