O Incio aprobou por unanimidade a ratificación a adhesión ao servizo de atención temperá
O pleno do Incio celebrado a principios desta semana e que tivo como tema principal a cesión dun novo local da Garda Civil, tamén aprobou por unanimidade a ratificación da adhesión ao novo convenio do servizo de atención temperá.
A agrupación dos Concellos de Sarria, Láncara, Triacastela, O Páramo, Paradela, Samos e O Incio contan cun Servizo gratuíto de Atención Temperá conxunto dende o ano 2021. Este está destinado a aqueles nenos e nenas con idades comprendidas entre os 0 e os 6 anos, nos que exista unha sospeita dalgún trastorno do desenvolvemento, ou risco de padecelo e, tamén as súas familias.
Desta maneira, é preciso que cando existan indicios de dificultades no desenvolvemento, vulnerabilidade ou outra circunstancia que afecte de maneira negativa ao desenvolvemento do neno ou nena, se trasladen as preocupacións ao servizo de pediatría para iniciar os trámites necesarios.
O equipo do Servizo de Atención Temperá está formado por un mestre psicomotricista, unha psicóloga, unha logopeda e unha pedagoga, especializados neste tipo de cuestións.
Este servizo atópase en Sarria, nas dependencias do colexio Nuestra Señora de la Asunción e, para contactar pódese facer a través do número de teléfono 648 174 682, no enderezo electrónico sat.gruposarria@coescoformacion.com ou indo á localización en horario de luns, martes e mércores de 10.30 a 12.30 ou de 15.30 a 18.30 e xoves e venres de 8.30 a 12.30 horas.