O Incio celebra a XV Feira de Artesanía e Produtos da Terra o 22 de agosto

O municipio do Incio acollerá o vindeiro 22 de agosto a décimo quinta edición da súa tradicional Feira de Artesanía e Produtos da Terra, un evento que durante toda a xornada converterá a Praza de España nun escaparate do talento e da creatividade local.
Artesáns e produtores da contorna ofrecerán ao público pezas únicas elaboradas a man, así como unha ampla variedade de produtos gastronómicos típicos da zona, nunha oportunidade para apoiar o comercio de proximidade e achegarse ao traballo de quen mantén vivas as tradicións.
A xornada contará tamén cunha proposta lúdica organizada pola Asociación Cultural As Cavarcas, que en colaboración coa asociación de xogos tradicionais de Muimenta, Xotramu, ofrecerá unha completa programación de xogos tradicionais pensada para que visitantes de todas as idades poidan desfrutar e participar.