O Incio celebra este domingo a XII Feira de Artesanía e Produtos da Terra
O concello do Incio celebra este domingo día 4 de setembro a XII Feira de Artesanía e Produtos da Terra coa participación de 25 postos que poderán ser visitados a partir das 11.00 horas na Praza de España.
Haberá música, unha verbena dos anos 50, xogos tradicionais e un obradoiro de baile para entreter aos máis cativos, nun evento que volve tras máis de dous anos sen celebrarse por mor da pandemia da covid-19.
O PROGRAMA
O encontro, que busca a recuperación e difusión dos oficios tradicionais, congregará un total de 25 postos de artesanía e produtos da terra.
Ás 12.30 horas haberá un obradoiro de baile aberto a quen queira participar e ás 16.00 horas haberá xogos tradicionais e populares para nenos e maiores.
Ás 17.00 horas celebrarase unha verbena dos anos 50 “coma as de antes” que correrá a cargo de Oxeito na que se recrea o ambiente, a música e os bailes das verbenas en Galicia dos anos 40 e 50. A actuación contará coa colaboración da Asociación Cultural As Xeitosas do Incio. A continuación será a quenda da Charanga Ardores.
Os postos de artesanía e produtos da terra estarán abertos ata a tarde.
O alcalde, Héctor Corujo, lembra que esta feira naceu froito do entusiasmo dos veciños e veciñas por recuperar a memoria dun modo de vida, polo que convida a asistir a todos os galegos e galegas e a aqueles que estes días nos visitan.