O Incio celebra este domingo a XIII Feira de Artesanía e Produtos da Terra
O Concello do Incio da a coñecer o programa da XIII Feira de Artesanía e Produtos da Terra, que se vai celebrar este domingo día 3 e que contará, por vez primeira, cunha decena de postos de Artesanía de Galicia e con dous obradoiros participativos.
A maiores, tamén haberá empresas de alimentación da zona, como en anos anteriores, que venderán produtos típicos, como mel ou queixo, entre outros.
Programa
Ás 11.00 horas levarase a cabo a apertura dos expositores na Praza de España e nos arredores do Concello do Incio. A esa mesma hora darán comezo os obradoiros de artesanía, que serán de balde para quen queira participar.
Son obradoiros participativos para público adulto e infantil coa fin de achegar aos seus visitantes o saber facer dos profesionais do sector artesán galego e contribuír á difusión do valor engadido dos produtos artesanais. Estarán abertos en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.
O primeiro será un obradoiro de Cianotipias, impartido por María José Martínez e José Antonio Carrera. Este é un procedemento fotográfico no que empregando papel de acuarela e un produto químico sensible á luz, este exponse directamente ao sol usando negativos de fotografía ou obxectos diversos, obtendo finalmente unha imaxe en azul prusian.
O seguinte será un obradoiro de Shitotaku, impartido por María José Martínez e José Antonio Carrera. Esta é unha técnica tradicional xaponesa de estampaxe artesá na que se fica o recordo de obxectos tridimensionais a través da súa pegada e no que se empregan elementos da natureza.
Ás 12.00 horas haberá un pasarrúas a cargo dun grupo tradicional, e ás 17.30 horas dará comezo a actuación da Charanga Ardores. Xa pola noite, ás 20.00 horas farase o peche os expositores e ás 20.15 horas degustación de isco no guizo.